O proxecto fomenta a participación e mestura etnografía, antropoloxía ou arte social
Historias de Vilachá converteuse «nun retrato social», no que se mesturan o patrimonio material e o inmaterial. Os 34 veciños que participaron falaron dos seus oficios, as súas crenzas, os animais, os cambios sociais e tecnolóxicos. No libro aparecen as troitas -«eu baixaba moitos días de orballada»-, as anguías -«daquela habíaas; tiñas que pasar moito tempo, saían ao mediodía»-, a presa -«hoxe penso que xa ninguén se baña nestes ríos de Vilachá»-, as pontes -«hainas grandes e pequenas, que cruzan regatos e prados»-, as fontes e os lavadoiros -«as do Fel, do Vilariño, do Casal...»-, os muíños -«no río Vilariño hai tres...»-, as estradas -«cando eramos cativos aínda non chegaran a carreteira nin as pistas á maioría dos lugares»-, a bicicleta -«a primeira que houbo na casa foi no ano 48», o coche -«cando abriron as pistas comezaron a chegar»-, o semáforo -»nunca tal se vira»-, a escola de Vilachá -«comezou aló polo 1900»-, a paga de Pascua - «despois de comer, repartíaa a avoa a todos os primos»-, a pelota de pau -«xogabamos en zocas»-, o baño de salgar -«de madeira»-, o peixe -«antes non viña na furgoneta co frío e metido no xeo como agora»-, as papas de fariña -«usábase o maínzo branco»-, o caldo de melón -«un caldiño doce, a todos non lles sabía»-, os zapatos brancos -«levabamos xa uns meses planeando baixar a Miño comprar..., daquela non había moitos comercios»- ou o pedrazo -«foi a tormenta máis forte que eu recordo na miña vida; debeu ser o que agora chaman unha cicloxénese»-.
O traballo, que se presentou na escola a finais de decembro, vai seguir medrando
O día 30 de decembro presentouse o traballo -a web, o mapa on-line e o libro- na escola de Vilachá e repartíronse exemplares entre os veciños (editáronse 200 e pódese comprar a través do correo hola@ruralc.com). Para levar a cabo esta actividade, cun orzamento de 9.454 euros, contaron cunha subvención da Deputación, por 5.491, e o resto correu a cargo da entidade. A Asociación RuralC dá as grazas aos veciños e tamén a Rosa Espiñeira Pan, EltioCarlos Pichardo e Marta Purriños, que axudaron na produción e na maquetación de Historias de Vilachá. Pero este arquivo está vivo e vai seguir medrando ao longo de 2019.