A pasada fin de semana parecía sacada da axenda cultural dunha gran urbe. Comeza a tempada e as actividades florecen no outono. O territorio cultural encheuse de actos de todos os xéneros para todo tipo de públicos: teatro infantil en Fene, monicreques en Neda, teatro e música no Pazo da Cultura de Narón e estrea de Bucanero, no Jofre de Ferrol, todo elo sustentado dende as programacións institucionais.
Mas, hai outra parte da vida cultural que se xesta, move e promove dende o eido privado, son os locais e salas de concertos que, ao amparo do negocio da hostalaría, manteñen unha programación musical amplamente variada, incluso se asocian artellando un programa, coma é o caso de Arteriola e o seu primeiro ciclo de jazz, con concertos, cine e unha mesa redonda. O remate desta edición foi o sábado por conta de Os Bregadiers no Ateneo.
Unha iniciativa que me lembra a desaparición inevitable do ciclo OUT.jazz, organizado polo Concello de Ferrol e que durante tres outonos amosou o máis periférico do xénero.
A Sala Súper 8, un espazo de cinco anos de vida que está incorporado ás redes de concertos estatais e que vai polo concerto número 870. Todos os xoves, venres e sábados ofrecen unha actuación musical. O balance de tan abafante cantidade é unha pluralidade de estilos, desiguais asistencias, calidades e creatividades.
O pasado venres visitou a sala NudoZurdo dentro do ciclo Son Estrella Galicia -programa creado pola popular marca que está entregándose no apoio á circulación de artistas e festivais- banda madrileña formada por Ricky Lavado á batería (ex Standstill) e novidade no grupo, Meta ao baixo e Leo Mateos á voz e guitarra, líder da formación e creador das letras e das liñas de guitarra.
Presentaron o seu cuarto traballo Rojo es Peligro, e como di algún especialista «son coma un río, nunca te bañas nun mesmo NudoZurdo», ilustra perfectamente a evolución do seu son dende os primeiros discos. Outra novidade é o protagonismo dos sintetizadores, cos que Leo Mateos se foi familiarizando no seu proxecto musical en solitario, Acuario.
Xenerosidade co público
En Ferrol o trío despregou a súa xenerosidade co público, que bailou moitos dos seus temas e berrou sobre un dos máis populares e comprometidos: Grito. As letras son concisas, presentes con mesura sobre o instrumental, que poderíamos dicir principal no concerto; a batería soou con ritmos claros e precisos, o baixo omnipresente e remarcando as melodías, a guitarra cedeu espazo ao son dos sintetizadores, que por veces foi o único no escenario. Mágoa que a voz non soara coa nitidez que se precisaba para facer máis intelixibles as letras, pero isto é o que teñen os directos, que non sempre son fáciles de sonorizar. Causoume certa tenrura ver ao líder de costas, mentres interpretaba algúns dos riff de guitarra, un curioso aceno de timidez para alguén que se expón.
Foi un acontecemento, gozar da proximidade dos músicos e sentir coma eles evolucionan co feedback do público; unha experiencia altamente recomendable.