¿Que mellor que aprender facendo?

ana f. cuba FENE / LA VOZ

FENE

ANGEL MANSO

Alumnos e docentes di CPI O Ramo asistiron onte á lección de enxertado impartida por un avó, dentro do proxecto Voz Natura

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Que mellor que aprender facendo? A pregunta lanzábaa onte Benigno Sánchez Vales, o director do CEIP Plurilingüe O Ramo de Barallobre, en Fene; e a resposta dana os alumnos do centro cada semana, desde que comezou o curso, a través das actividades vinculadas ao proxecto de Voz Natura, o terceiro consecutivo. O obxectivo deste ano era crear unha horta escolar, pero «foi crecendo ao longo do curso, co asesoramento de Voz Natura», explica. Tanto medrou, que ademais da horta escolar externa e os cultivos no interior dun invernadoiro, os rapaces montaron un viveiro de árbores froiteiras, para ver como se desenrolan as distintas especies no seu medio; e o colexio comprou unha incubadora, para seguir de cerca a reprodución dun animal ovíparo.

Mentres os alumnos do centro esperan con ansia o nacemento dos pitiños de pato mudo -observan a diario a evolución dos ovos axudados por unha lanterna e un roio de papel hixiénico-, Eladio, un avó residente na zona, ensínalles a facer enxertos en cuña en pereiras e maceiras. O taller impartiuse onte e os colexiais aprenderon como colocar o patrón e como se emprega a arxila. «Puideron ver como, dentro do enxertado, actualmente hai moitas industrias que utilizan árbores froiteiras híbridas para mellorar a especie, e iso xa viña do saber campesiño de sempre», destaca o director. Esta iniciativa encaixa á perfección coa liña de «respecto ao entorno natural e ao propio corpo» que segue o CEIP do Ramo neste proxecto.

O propósito do centro é involucrar a toda a comunidade educativa na iniciativa de Voz Natura. De aí que o pai dun alumno se encargara de explicarlles a reprodución do pato mudo ou a intervención dun avó no obradoiro de enxertado. En maio teñen prevista a visita dunha científica do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), para abordar «o tratamento das sementes no laboratorio e como medran», indica Sánchez Vales. E xa teñen proxecto para presentar a Voz Natura cara ao ano que vén, co lema do fomento da biodiversidade no entorno do Ramo.

Comedeiros para paxaros

Entre as actividades levadas a cabo este curso, cada clase apadriñou unha árbore e os escolares andan fabricando comedeiros para paxaros. «Estamos nun entorno extraordinario, enclavados na marxe esquerda da ría de Ferrol, con case unha hectárea de zona verde, moi aproveitable para o proceso de aprendizaxe, para que os nenos descansen no recreo en plena natureza e podan ver o crecemento das árbores», resalta o director. Todo isto a tan só tres minutos do centro urbano de Fene, subliña.

«Aos nenos encántalles e aprenden moito e desenrólanse, a mellor maneira de explicar como medra un ser vivo ou unha planta é poder velo», incide o responsable do equipo. Tamén destaca que todas as iniciativas postas en marcha a través do proxecto Voz Natura «están integradas dentro do currículo, non van ao marxe das clases, senón que aparecen en Ciencias Naturais e nas distintas materias que se imparten». Esta é unha das claves do éxito do programa, a súa extensión ao longo de todo o curso, coa participación dos nenos máis pequenos, desde os tres anos, ata os de sexto de Primaria. No centro fenés estudan 117 nenos (41 de Educación Infantil e 76 de Primaria).

O importante papel das familias

Sánchez Vales insiste en eloxiar o papel das familias dos rapaces, desde o pai granxeiro que se achegou ao colexio para amosarlles aos nenos como coidar os ovos do pato mudo, no proceso de incubación, ao avó experto no enxertado de árbores froiteiras, que engaiolou onte aos pequenos coas súas habilidades. Os escolares aproveitan así a experiencia e os coñecementos dos maiores, que lles transmiten o seu saber con xenerosidade. Por diante quedan aínda moitas experiencias, e uns pitiños de pato mudo.