Romay Beccaría

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

09 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os políticos novos case nin saben de Romay. Eu tiven algunha relación con el, froito da casualidade. Romay era conselleiro de Agricultura e houbera un verán de incendios forestais devastadores.

A oposición zurregábao sen contemplacións. Eu escribín un artigo en axuda do conselleiro, porque o lume era máis estructural que culpa do político de turno. Recibín do Romay unha carta de agradecemento. O lume do monte segue a ser un problema estructural. Mais non é do lume do que quero falar. Quérolles contar como o Concello de Ferrol conseguiu o Conservatorio de Música. Había unha solución: Asumir os custes dun Conservatorio Municipal (eran 500 alumnos) durante dous anos. Era xefe de gabinete de Educación Juan Blanco Rouco, profesor de grego, con quen eu me levaba ben. Pero o Partido Popular (AP) non estaba polo labor do Conservatorio Municipal.

Falei con Blanco Rouco, que falou con Romay Beccaría e eu conteille a Romay como estaba a cuestión dos votos no Concello de Ferrol. Non sei de máis conversacións nin consultas, pero ao final a creación do Conservatorio Municipal de Música saíu por unhanimidade, incluídos os votos do AP. Pasado o prazo a Consellería de Educación cumpriu co seu compromiso e o Conservatorio pasou de seren municipal a Conservatorio Oficial da Xunta de Galicia.

A mediación de Blanco Rouco foi eficaz e a longa man de Romay era tan longa como firme. Un artigo «comprensivo» movera o corazón do conselleiro. Acordar ven de corazón. E acordamos o Conservatorio.