A porta

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meus netos están moi ledos este curso: entran pola mesma porta ao seu colexio. Aínda non chegaron a primaria, pero xa son usuarios avezados do seu centro; coñecen as aulas, usan o comedor e o patio como unha extensión da súa casa. Os seus compañeiros e compañeiras son xa parte dunha gran familia coas súas propias casas, pais, nais, estilos de ser, de vestir; con gustos diferentes, con pelos lisos ou crechos, de rostros tostados ou pálidos. O neto e a neta vense entre iguais, á súa idade non valoran as diferencias, non falan delas, non importan, saúdan pola rúa aos da miña clase, do meu colexio.

Cando entran por esa porta, recíbeos as súas mestras e ocupan o seu sitio na aula, a súa casa do cole para iniciar un novo día; unha nova xornada lectiva os vai introducindo á vida en común, á tolerancia, á solidariedade, a aprendizaxe como novidade cotián. Pois os miúdos gostan de aprender cando se crea o ambiente propicio, ese reto cotián do profesorado, necesitado da colaboración coas familias.

En Galicia case mil centros reciben uns 200.000 escolares de infantil e primaria. Nuns centros chegan andando, en moitos outros usan unha complexa e custosa rede de transporte para dar escola a unha poboación espallada e, por desgraza, minguante nun 0,6% anual. Mais mentres os adultos deben atopar solucións ao futuro desta esquina ibérica (demografía, economía, servizos sociais,...) nas escolas galegas vaise obrando o milagre de educar en tempos difíciles, atendendo cambios sociais e tecnolóxicos sen parangón dende que hai sistema escolar. E conseguindo unha equidade por riba de Finlandia e o segundo posto en alumnado de excelencia en España. Unha porta aberta.