Salazón en Ares

POR SIRO

FERROL

siro lopez

Nos contos O Rifante e Peito de Lobo describe Castelao, nun par de liñas moi fermosas, o vivir das familias mariñeiras que dependen da abondancia ou escasez da sardiña. Castelao fala de Rianxo, pero podería facelo de Ares, que durante séculos tivo na pesca e salazón -salgadura, dicimos en galego- da sardiña, o principal recurso económico. Ir a Ares e preguntar a Ánxel Barreiro, presidente da rondalla Trovadores de Ares, ou aos irmáns Xesús e Xavier Vilasánchez, ou a calquera dos veciños de máis idade onde estaban os almacéns, que así chamaban ás fábricas de salgadura, e rematar a visita no Museo da Salazón, o almacén dos Pedrafeita convertido en taberna, é moi recomendable para coñecermos esta industria que ocupou a moita xente ata os anos sesenta.

As máis das casas da primeira e segunda liñas de praia eran fábricas familiares de salgadura, cun proceso artesanal, sen máis pretensión que o autoconsumo, que o peixe cru só se conserva secándoo ou salgándoo. Os mariñeiros de Combarro fixeron cabazos a carón da mar para secalo, malia a perda de calidade, porque o sal era caro; pero nas outras vilas conservouse na salga.

E así se fixo en Ares ata mediados do século XVIII, cando chegaron os cataláns a Galicia con novas artes de pesca e de salgadura, que aumentaron a produción e permitíronlles crear canles comerciais en España, e mesmo con Cuba.

Houbo tensións porque os mariñeiros pensaban que a xábega -a arte de pesca dos barcos cataláns-, esquilmaba o mar; pero os cataláns quedaron con nós e deixaron de verse como explotadores para ser considerados fomentadores, porque crearon empresas e postos de traballo. Familias aresanas como os Pedrafeita, os Birandóns, os Manterolas e os Abeal, aprenderon deles; deixaron de limpar a sardiña antes de salgala, aproveitaron o aceite recollido ao prensalas -o saín- e vendérono para o alumado; e empregaron moitas mulleres, verdadeiras protagonistas nesta historia. Porque, como en Ares había problemas coa marea e os barcos non chegaban ao peirao, as mulleres entraban no mar, coa auga á altura do peito, para recollelo; nos almacéns encargábanse de todo o proceso; e, chegado o momento da comercialización, levaban a pé a Mugardos, en carretillas de madeira, tantos tabais como as forzas lles permitían, que cobraban por tabal entregado. Tamén traballaban en La Aresana, única fábrica conserveira que houbo na vila, propiedade de José Peña, empresario de Cariño.

Crises na pesca da sardiña hóuboas sempre, pero, quizais por mor do cambio climático, dende os anos sesenta, cando os bancos brillaban entre as Mirandas, xa non se pesca na ría. Despois colleuse á altura da torre de Hércules, e hoxe hai que alonxarse da costa un mínimo de quince millas.

Aínda así, en Ares houbo unha industria de salgadura ata finais dos anos setenta, a de Arévalo, que hoxe ten bateas de mexilón en Lorbé.

No Museo da Salazón hai fotos antigas, ferramentas e espléndidas reproducións en resinas, que o escultor Eduardo Morgade fixo dos arenques, nome das sardiñas despois de pasar meses na salga e de ser prensadas nos tabais. As pequenas, as parrochas, salgábanse tamén, pero chamabámoslles mariquitas. Por eso un cego de Ferrol que papara unha enchenta delas e as comera tan apresa que lle deran hipo, dicía:

-Los diez iguales para? ¡Hip! ¡Me cajo en las mariquitas!

siro@siroartista.com