Os medios de comunicación en España tratan con frecuencia do problema saharaui e recordan o mal que o último goberno de Franco levou o proceso de descolonización do Sáhara. Da descolonización da Guinea Española non se fala, pero non se fixo mellor, nin as consecuencias foron menos graves. Presionado por Nacións Unidas, o Goberno español anunciou en marzo de 1968 que concedería a independencia á colonia, e puxo en marcha os trámites para facelo á maior brevidade posible. O 12 de octubro a Guinea Española pasaba a ser a Guinea Ecuatorial.
Como aos últimos actos protocolarios tampouco había que adicarlles un minuto máis do necesario, o Goberno español mandou como único representante a Manuel Fraga, ministro de Información e Turismo, que se moveu por Malabo coma os protagonistas das Comedy Capers. E non é broma, que mandou retirar a bandeira española do pazo de gobernación horas antes da prevista, e ao entregar ao novo Goberno de Guinea as instalacións de TVE, marchou sen facelo de forma documental, con enorme cabreo do flamante presidente Francisco Macías Nguema, que mandou deter aos técnicos españoles e levalos ante un pelotón de fusilamento. A execucion non se produciu, pero foi un anuncio do que ía ser o mandato daquel tolo, que un ano despois só conservaba dous dos doce ministros do Goberno inicial, porque mandara matar os outros dez.
Macías non fora o candidato do Goberno español, que apoiara a Bonifacio Ondó e Atanasio Ndongo; e non por ideoloxía, que Macías veneraba a Franco e esforzábase en emulalo, senón por razóns económicas. O que Carrero Blanco quería era unha Guinea emancipada políticamente, pero dependente no comercio exterior das empresas españolas do cacao e da madeira, nas que el mesmo tiña importante participación. E como os seus candidatos fracasaron, procurou desestabilizar o Goberno recén nado, ata que o 5 de marzo de 1969 se produciu un fallido golpe de Estado, encabezado por Atanasio Ndongo e Saturnino Ibongo.
Macías acusou ao embaixador español Durán Loriga de organizalo para beneficiar as empresas madereiras; e, sentíndose traizoado e ameazado, impuxo o terror no país, co resultado de decenas de miles de víctimas mortais e un éxodo angustioso da poboación española, que perdeu canto tiña e se viu absolutamente desamparada polo seu Goberno.
Macías retirou a concesión da explotación da madeira ás empresas españolas, e foi o comezo da fin da Peninsular Maderera de Ferrol, adicada á fabricación de portas, marcos e contrachapeados, que durante vinte anos dera traballo a máis de cincocentos homes e mulleres fixos e un cento longo de eventuais. Os troncos de árbores flotando na auga do dique formaran parte da paisaxe da Malata. Na fábrica os salarios eran baixos, a maquinaria obsoleta, as condicións de traballo abusivas, os servizos sanitarios deplorabeis, pero nunca houbera conflictos laborais. Foi a falta de madeira o que deu lugar a despidos e enfrontamentos entre a empresa, coa axuda do sindicato vertical, e os sindicatos ilegais, especialmente CC. OO. A tensión chegou ás rúas da cidade, sucedéronse as manifestacións e as cargas dos grises. Eu fixen unha viñeta na que un grupo de traballadores berraban: «¡Non hai madeira, pero dannos leña!» Non chegou a publicarse. Os traballadores acadaron o triunfo en distintos momentos, pero a empresa pechou en 1977.
siro@siroartista.com