A ría

POR SIRO

FERROL

SIRO

Na miña infancia a ría de Ferrol era, por beleza e riqueza, un anaquiño do Paraíso. Nunca fun á ribeira de Baterías antes de se converter naquela pequena praia artificial que o humor local chamou Copacabana, pero amigos meus de Canido ían e collían minchas e berberechos a mancheas. Na ribeira de San Felipe, perto da Cetárea, apañábanse mexilóns como zapatillas, e a carón do castelo, onde só podían mariscar os militares, ameixas como para exhibir no mellor escaparate. Da outra banda, onde o Castelo da Palma, entre as algas pillábanse camaróns grandes e gordos, e na ribeira de Maniños ameixas, berberechos e longueiróns. En Caranza non se daban as ameixas, pero nas penas e naqueles madeiros longos e retortos que chamabamos os tablóns -supoño sobrantes do estaleiro cando se empezaron a construir barcos con casco de aceiro-, había minchas e mexilóns a moreas. E en toda a volta, víanse as fumarelas negras dos chocos que fuxían dos intrusos.

Un día, un rapaz mostroulle ao meu amigo Yayo un tubo de aspirinas mediado de pérolas pequeniñas e rosadas, que collera en Caranza. Yayo foi alá e atopou moitas ostras pequechas, algunhas con boliña de nácara dentro. Nunha tarde xuntou dez. Como non había autobuses entre Ferrol e as vilas da outra banda, as lanchas ían e viñan, enchendo a ría de vida e colorido, porque as da Graña tiñan a chaminea gris con bandas de cores na parte superior; as de Mugardos de cor azul, as de Maniños amarelas...

Esta imaxe dunha Arcadia costeira, pero igualmente feliz, viuse alterada pola traxedia en tres ocasións. A primeira no 1940, ao rematar a festa de San Antón na Cabana, cando a lancha que debería traer a xente a Ferrol volcou e houbo cinco mortos. Bernardo Maiz, que estudiou o accidente, di que o afundimento se produciu pola febleza da embarcación, o exceso de pasaxeiros, e a irresponsabilidade duns mozos que por amedrentar a unhas rapazas, provocaron un balanceo fatal. Da segunda falei nun artigo anterior. Foi o 28 de febreiro do 1947, cando o destructor Sánchez Barcáiztegui abordou unha lancha de Mugardos, co resultado de doce víctimas mortais. Na terceira, a do 29 de xuño de 1949, explotou a caldeira da lancha da Graña, e resultou morto o maquinista, Manuel Rodríguez López.

Porén, a imaxe bucólica que din da ría ferrolana, non se estragou con estas desgracias dos anos coarenta, senón a partir dos cincoenta nos despachos onde se ordenaron os sucesivos recheos. Primeiro desapareceu o areal de Copacabana e o clube que Zaragoza fixera na mesma praia, onde tantas noites de sábado os ferroláns da miña xeración pasamos horas moi ledas. Despois a agresión chegou á bahía da Malata, con recheos imprescindibeis para proxectos excelentes, que remataron en auténticos fracasos. Pero o peor está por chegar coa próxima conexión ferroviaria da cidade co Porto Exterior, que o ministerio de Fomento sacou xa a concurso, e que suporá a desaparición da ensenada formada pola Malata, A Cabana e A Graña. Penso que todos os ferroláns debemos informarnos do que esta obra vai supoñer, polo que invito aos lectores a ver en internet o espléndido vídeo O que esconde o tren ao porto exterior de Ferrol. Abril 2013, con locución en galego, castelán e inglés.

Se a obra vai adiante, haberá que trocar o eslogan recentemente aprobado e deixalo en Ferrol, cidade sen mar.

siro@siroartista.com