Fellini puido rodar no Ferrol Vello dos anos cincoenta outra versión de Amarcord, diferente, pero igualmente divertida. Na Praza Vella tería un fervedoiro de vida popular co ir e vir das mulleres que collían auga na fonte e dos homes que verificaban a calidade do viño nos bares La asturiana e El submarino; dos clientes da churrería de Darío, os das ferreterías Santos, Maristany e La Campana, e os da mercería de Fina Pereira; dos alumnos de don Honorato, dos quintos que saían desbocados do Cuartel de Instrucción, e dos nenos que xogaban ao peón, ás bolas, ao pincho ou a galopa. Nas noites de verán era tamén o espazo onde actuaban teatrillos, magos, forzudos e contorsionistas, que para gañar unhas pesetas rifaban unha botella de coñac Fundador ou de Anís Las Cadenas, entre o auditorio que acudira con sillas e banquetas.
Outro escenario natural e único, que nin o mesmo Fellini podería imaxinar, estaba no peirao, nas moreas de sal, que, cando viñan os destructores americanos, alguén cortaba en vertical para crear unha pantalla na que, polas noites, desde os barcos, se proxectaban películas de Walt Disney e dos Comedy Capers. Todo o barrio asistía ás insólitas sesións, pero os nenos, desagradecidos, agardaban nas barandas do Parque Municipal que os mariñeiros volvesen aos barcos, borrachos como cubas, para roubarlles o gorro. Cada pícaro do Muelle tiñan un.
Os rapaces maiores, capitaneados por Pepe conejo, xuntábanse tamén no almacén de madeiras de Guinea, a carón da PYSBE, para cazar arañas guineanas, negras e grandes como nécoras; e na parte do peirao que chamaban o muelle de Onassis porque nela apodrecían os vellos Libertys do armador grego. Aquel recanto estaba en obras permanentemente porque os rapaces collían os adoquíns como lastre para bucear e apañar os mexilóns máis grandes na zona do recheo. Co peso baixaban a rechina motor -expresión que non sei se recolleu Guillermo Ferrández-, que en Ferrol Vello tiña o mesmo significado que a todo filispín.
Os membros da banda de Pepe conejo, rapaces de catorce e quince anos coa tensión sexual a flor de pel, agardaban arelantes a chegada dos barcos da PYSBE para conseguir algunha revista porno con mulleres en roupa interior. Tamén, cada mañá, acudían á Casa de Aduanas, onde o xefe tiña vivenda, a esperar que a criada tirase polo balcón as cabichas dos pitos mentolados que fumaba a súa guapísima señora, e que sempre tiñan manchas de carmín. Nunca fumar foi un pracer tan xenial e sensual.
Cando o Filipondio cumpriu dezaseis anos, toda a banda foi ao rapateo para xuntar as 25 pts. que Pandora cobraba por un servizo. Todos o acompañaron ao bar Acuario, na rúa San Francisco, e desde a porta vírono mostrar o DNI ao dono, chegar a un acordo con Pandora e saír con ela. Todos os escoltaron ata o piso da rúa de atrás, onde Pandora tiña o seu local de traballo, e ninguén se moveu ata que baixaron. Despachouno nun plis-plas, pero no xardín da fonte das ras o Filipondio ilustrou durante moitas noites a Tito Pirata, Paco Quitina, os de Mosquera, Joseíto de Ochoa, Jacobo, Gerardito, Juan Ramón, Toñito Rivas, Pescadito, Icho, Jandro, Galín, José Gallina, Ploche, Rilitis, Nando, José Julio, Pepe Naranjo, os de Anca, Chorolo e Choni, cos infinitos pormenores daquel polvo comunitario.
siro@siroartista.com