Señoritas

POR SIRO

FERROL

02 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As feministas francesas queren erradicar dos formularios oficiais a cuadrícula mademoiselle por sexista. Alegan, con razón, que aos homes non se lles pide que precisen o seu estado civil.

Recordando o cabreo dalgunhas mulleres españolas con responsabilidades políticas cando Alfonso Guerra aludiu á ministra Trinidad Jiménez como la señorita Jiménez, é de supoñer que non tardaremos en ter aquí a mesma reivindicación. A esixencia das feministas francesas enténdoa; o enfado das españolas que pensan que chamar señorita a unha muller solteira é pexorativo, non.

Porque é certo que o diccionario da Real Academia Española non ten exactamente as mesmas acepcións para señorita e señorito, pero nesa discriminación o motivo de queixa témolo os homes. A primeira acepción de señorita e señorito é hija/hijo de un señor o de persona de representación, que, a verdade, me parece chapuceira e confusa. Hai outra na que tamén coincidimos: ama/amo, con respecto a los criados. Despois ven unha específica para as mulleres: tratamiento de cortesía que se da a maestras de escuela, profesoras, o también a otras muchas mujeres que desempeñan algún servicio, como secretarias, empleadas de la administración o del comercio, etc. E unha cuarta na que está a diferencia e o agravio para o varón: señorita é término de cortesía que se aplica a la mujer soltera, e señorito joven acomodado y ocioso. Todas se aplican na fala coloquial, na que tamén temos señoritinga e señoritingo con valor despectivo, aínda que en Ferrol prefiramos o híbrido de castelán e galego señorito/señorita de merda e a voz pichonero/pichonera, de creación propia e orixe descoñecida, como tantas outras da fala ferrolana.

Sen embargo, en Ferrol, o machismo da sociedade reflectiuse nos anos coarenta e cincuenta na voz señorita, formando parte doutro híbrido surrealista, saído do enxeño popular: señorita de caldo á merenda. As señoritas de caldo á merenda eran as mulleres fachendosas que aparentaban na rúa unha posición económica que non tiñan. Contábase que ían ao mercado do peixe a última hora da mañá e que pedían o refugallo das parrochas, dos peóns ou dos mocartes, dicindo que eran para o gato.

Señoritas eran tamén as mulleres casadas ou solteiras que colaboraban cos párrocos en facer caridade cos veciños máis necesitados e en levar a moralidade católica aos fogares descarriados. Perto da miña casa vivía un matrimonio moi vello, cunha pensión moi cativa, que alugou unha habitación moi pequena a outro vello, tan vello e tan pobre coma eles.

Morreu o vello casado, pero entre a xubilación do inquilino e a viudedade da vella ían tirando. Ata que chegaron as señoritas a convencelos de que aquela convivencia era pecado. Os vellos andaban máis perto dos noventa que dos oitenta e o pouco alento que tiñan facíalles falta para subir as escaleiras, pero entre as señoritas e o párroco convencéronos de que tiñan que casar, e casaron. As señoritas e o párroco fixéronlles unha festa no piso, con sidra e pasteis; con moita risa e moito brinde pola felicidade da nova parella; pero a vella, ao casar, perdeu a pensión de viudedade; a fame entrou naquel fogar, e ao pouco foron os dous para o asilo.

sirolopezlorenzo@yahoo.es