De viños polo centro

POR SIRO?

FERROL

Cando a finais dos anos sesenta un grupo de amigos visitamos as Bodegas Freijido de Ribadavia, o dono, un home maior, amabilísimo, xeneroso e cordial, deunos a probar os ribeiros de varios toneis enormes, todos extraordinarios. Afeitos como estabamos a tomar as cuncas de ribeiro turbio, sorprendeunos a transparencia daqueles viños que saían do barril tan limpos como os que hoxe se venden embotellados, e o señor Freijido respondeu á nosa curiosidade cunha explicación que nos deixou abraiados:

-«É que en Ferrol non saben beber ribeiro e se non o ven turbio parécelles que non é bo, así que cando llelo enviamos aos bares remexemos o fondo cun pao».

Así souben por que o viño do Ribeiro que tomabamos nos bares podía ser máis ou menos rico, máis ou menos turbio, pero ningún completamente limpo, porque traía o pouso de meses en suspensión.

A ronda dos viños facíase por rúas e non había que andar moito para ir dun mostrador a outro. Na da Igrexa, a carón de A Burga estaba Pastora, e fronte a Pastora, O Rego. Moitos anos despois, onde estivera Pastora montaron dous socios, Paco e Pedro, El Pez, que debeu de ser o primeiro mesón da cidade e que tivo gran éxito. Alí leváronme os meus amigos Chente e Marsol a probar as mollejas, que, polo que me dixeron, debían de ser as glándulas salivais das tenreiras e becerros.

Na rúa Magdalena tomabamos viños nos xa citados El Norte, El Sur, El Gato Negro -aínda que aquí eu adoitaba tomar tinto-, La Tribu, e Los Peares, parada obrigada, ademais, para paparmos os bocatas de xamón, cortado en lonchas tan finas que, ao trasluz, podería competir en transparencia co viño, pero que nos sabían a gloria antes de entrar ou ao saír do cine Capitol, onde, por certo, estivera un mesón que non se vía desde o exterior, pero tiña ao fondo uns toneis onde o señor Mauricio, un home moi pequerrecho, servía aos clientes. Na mazá da rúa Magdalena entre os cruces coa do Hospital e a dos Mortos, era parada obrigada a de El Congreso. Polo medio quedara La Giralda, onde algunha vez temos entrado a tomar un manzanilla, pero era un bar pensado para mariñeiros andaluces, que a nós aqueles viños resultábannos chispóns de máis.

Na rúa Galiano iamos a Ribera, que xa daquela daba comidas. Era cousa de velo cando mercou unha perruca que se lle movía na cabeza dun lado a outro, segundo se agachara para poñer as cuncas de branco ou de tinto. A Luis Trastoy, cliente de todos os días, compañeiro meu en delineación, que lucía a calva con arrogancia, tentouno convencer de que mercara outra igual para quitarse anos, ata que Manolita, a muller de Trastoy, lle dixo que ela o prefería pelado.

Na rúa Dolores tomabamos as cuncas no Gran Peña, e na rúa María no Tanagra e pode que nalgún outro bar.

Na rúa do Sol iamos de La Jovita ao Tenderete, e depois ao Buenos Aires. Pancho, o dono do Tenderete, era un home pequeño, calado, serio e cun narís enorme. Cliente de varias visitas ao día era un señor pequeno e groso, moi elegante e con chapeo, que ía sempre so, Aquel home tomaba dúas cuncas e cando quería que lle servisen a segunda, berráballe a Pancho:

-«Sinsonte, pon otra».

Un día, Tito, un técnico do taller de Reparacións de Maquinaria en Bazán, preguntoulle:

-«Oiga, perdone, ¿por qué cuando se dirige a Pancho le llama sinsonte?»

-«Veo que no sabe usted qué es un sinsonte». Observou o outro.

-«Pues no señor?. Recoñeceu Tito, humildemente.

-«Pues mire usted -explicoulle o gordo como quen da unha lección maxistral-, el sinsonte es un pajarito sudamericano, que canta muy bien y es muy bonito».

Tito quedou matinando un cacho en silencio e, por fin, volveu preguntar:

-«¿Y qué tiene que ver el sinsonte con Pancho?»

-«¡Hombre -respondeu o gordo elegante-, yo no sé cómo cantará Pancho, pero por bonito había que darle un premio a la madre que lo parió!»