C ontábame nun paseo un amigo boliviano, admirado do esplendor verde e amarelo dos montes galegos en primavera, que esas -mellor que o azul e o branco- deberían ser as cores da bandeira. Certo que durante o inverno, o verde de toxos, xestas e carqueixas poñen unha capa á paisaxe do país ata que, coa luz e a calor, as flores louras rompen o dominio do verde nas ladeiras. É posible que esta visión cromática levara aos fundadores do coro decano dos galegos a denominarse Toxos e Froles no 1914, evocando o máis enxebre do país. Isto transmitiu durante anos «o coro», un fato de xentes unidos contra vento e marea para manter a esencia da cultura popular galega nun entorno, o ferrolán, dominado por tantas tendencias foráneas. Así o lembraba en 1993 Xavier Alcalá nun artigo de Labor Galega -a revista do Toxos- cando escribía «...un grupo de homes e mulleres galegos conectábanme, ao cantar e danzar co outro mundo intuído antre as paisaxes da aldea». O Toxos, un dos que en Galicia seguiron a senda de Aires da Terra, fundado polo pontevedrés Perfecto Feijoo, asumiu dende a súa fundación non so o importante papel de conservar e fomentar a música do país, tamén fixo bandeira de causas como a reivindicación de Concepción Arenal ou vencellos con intelectuais como Sofía Casanova, Otero Pedrayo e Carballo Calero. Polo Toxos e Froles pasaron en tantos anos coristas, danzantes, gaiteiros e percusionistas, dirixidos por músicos como Manuel Lourenzo, o seu primeiro gaiteiro e promotor, Pío Rodríguez Puga, Manuel Fontao ou Adolfo Ramonde. Constantino Bellón tamén temperou as gaitas en La do coro, e outro gaiteiro Arturo Lamas, encabezou a lista elixida na última asemblea para presidir a nova etapa da entidade ferrolá. As entidades pasan por etapas, e a xestión última do Toxos o puxo en serio perigo. A nova directiva, debe ser a nova xeira de flores que aviven unha entidade que Ferrol e Galicia queren, recoñecen e necesitan.