? Concello de Pontedeume está tramitando a rehabilitación do mercado de abastos. De feito, xa ten compromisos da Consellería de Industria e do ministerio do mesmo ramo para financiar a maior parte do proxecto e, tamén pola mesma causa, xa está elaborado un anteproxecto das obras que esta semana foi presentado aos vendedores da praza. Fixérono nunha reunión na que o concelleiro de Comercio, Manuel Rei, lles explicou aos operadores que neste mesmo mes intentará manter un novo contacto co Ministerio de Industria de cara a concretar cando se poderían poñer en marcha os traballos. E, nese mesmo encontro, tamén se tratou cos arredor de 20 vendedores que acudiron unha das circunstancias da praza de Pontedeume: o desuso de case a metade dos postos do mercado. Hoxe en día, o Concello calcula que, en total, hai uns quince postos inactivos no mercado. Trátase de establecementos adxudicados a antigos vendedores, que no seu día decidiron pechalos malia que continuaba a súa xestión dos mesmos. O Concello di que se trata dunha situación irregular xa que as normas que rexen o mercado non permiten que os postos estean baleiros. Xa que logo, e dado que agora se está a falar da rehabilitación, o goberno local considera que é o momento axeitado para poñerse en contacto con eses propietarios e reclamarlles que, ou ben volvan á actividade ou entreguen os locais ao Concello. O porqué desta decisión arguméntana dende o goberno local da seguinte maneira: «Hai xente nova interesada nos postos baleiros para cando se rehabilite a praza e, como agora tamén haberá que facer un reparto dos que serán os novos establecementos, pois aproveitamos para regular todo», dixo o concelleiro Manuel Rei. Unha nave provisional Unha das cousas que máis preocupa aos vendedores do mercado é o feito de onde proseguirán coa súa actividade comercial mentres se executen as obras para amañar a praza. O Concello xa decidiu que ubicará unha especie de nave provisional diante do actual mercado, na Praza do Conde.