Pontedeume Será a segunda pousada do Camiño en toda a comarca O eumés é un dos dez novos recintos que pretende abrir o Xacobeo en toda Galicia
01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Pontedeume é sempre un rebuldeiro de visitantes. En calquera estación do ano, a localidade recibe ao forasteiro con animadas terrazas onde tomar algo divisando históricas rúas; con panorámicas de luxo dende o Torreón dos Andrade ou coa rica gastronomía do Eume... Por iso, non é de estrañar que aqueles que optan pola rota inglesa -o Camiño de Santiago que arranca de Ferrol- para peregrinar a Compostela anhelen poder facer noite na antiga vila dos Andrade. En ocasións, e pese a non ter albergue, a insistencia dos camiñantes obrigou a habilitar o pavillón para que durmisen na vila. Ante esa situación, é lóxico que o Concello leve anos pedíndolle á Xunta a construción dun albergue de peregrinos en condicións. O Xacobeo da época do PP intentouno en varias ocasións, como en 1999, pero nunca chegou a consignar fondos para a obra. Todo cambiará no 2007: a Xunta ten reservado presuposto para comezar esta infraestrutura. Concretamente, é a Consellería de Industria a que financiará o albergue de peregrinos, loxicamente, a través da entidade pública Xacobeo. De feito, nos orzamentos desta consellería para o 2007, pode verse como a obra figura entre as dez deste tipo que se pretenden iniciar no 2007 en toda Galicia, dentro dun plan para ampliar a rede de pousadas no Camiño. Sen prazos concretos En total, os cartos que se destinan para este fin son 1,4 millóns de euros. Sen embargo, a consellería aínda non da prazos de obras nin presuposto concreto para o albergue de Pontedeume. Cando este se constrúa, serán dúas as pousadas para peregrinos na comarca. Ata o momento, o único recinto que dá cama a quen camiña a Compostela é o edificio levantado en Neda.