O segredo dun cardeal

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

23 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

CHÁMASE Philippe, Philippe Barbarin, e non é o máis xove cardeal da Igrexa -en contra do que a veces se ten escrito-, pero si o segundo entre os máis novos. Naceu un 17 de outubro, o de 1950, por certo que na capital de Marrocos, en Rabat, cidade na que durante un tempo residiu a súa familia. Estudou filosofía na Sorbona e Teoloxía no Instituto Católico de París. Eu fálolles hoxe del aquí, agora, porque antes de ser todas esas cousas que é hoxe -arcebispo de Lyon e primado de Francia- xa coñecía ben estas terras nosas. Estivo en Ferrol, nas Pontes, en Mondoñedo... E tamén porque o seu nome soa cada vez máis como papable, tese que se contradí coa súa idade, pero que se ve apoiada por aspectos da súa persoalidade como a capacidade pastoral -non son tempos fáciles estes tampouco para a Igrexa en Francia-, o convencemento de que a fe tense que incardinar na cultura de cada povo e, sobre todo, a súa habelencia para entenderse coa xente nova. (Agora que o cito, e perdoen que a un sempre lle saian ramas, vénseme á memoria aquela outra visita que quen despois sería Papa Xoán XXIII fixo a Mondoñedo, e a algún outro lugar da diocese, cando era o Patriarca de Venecia. Todo o mundo di que en Ferrol non estivo, pero a min gústame soñar que si) ¿Que cal é o segredo do cardeal Barberin, o misterio anunciado no título, preguntan...? ¡Ah, si...! Perdón. Case me esquecía. (É que vale máis que non lles diga a qué hora escribimos o artigo este que están vostedes, e moitas grazas por facelo, a ler) O segredo é que ten vocación de maratoniano. Barbarin corre quilómetros e quilómetros todas as mañás: que sabe ben, por tanto, que por lonxe que estea a meta, a Luz buscada, un avanza, sempre, con cada paso que da.