O embaixador Basilio Losada

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

01 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

QUIZAIS VOSTEDES non o saiban, pero un dos máis grandes amigos que ten Ferrol polo mundo adiante -a Ferrolterra toda; as súas xentes, os seus lugares e os seus camiños- é o profesor Basilio Losada, do que Carlos Casares dicía que, morto Cunqueiro, era o mellor contador de historias que existe debaixo do Ceo. (Ese que, xubilado como está, e cando non anda polo estranxeiro dando conferencias ou recibindo todos eses honores que en realidade non quere, segue acudindo, cada día, á Universidade de Barcelona, onde as súas clases chegaron a despertar tal expectación que os alumnos, matriculados ou non, non collían, nin sequera de pé, alí dentro.) Hai unhas semanas, lonxe de Galicia, co mar polo medio, eu preguntáballe a Basilio, que tanto fala sempre de Ferrol alá por onde el vai, por qué nunca vén agora aquí. E o que me contestou, o que me explicou-cómo o trataran un día, e quén, hai xa ben anos...-, deume pena. Eu respondinlle que as cidades, as terras todas, non son os que se confunden con elas, os que habitan o eterno resentemento. Conteille que dende que el non vén, Ferrol reviviu o que a Ilustración lle deixou, sobre todo o legado das pedras. Que a cidade se vai irmanar co seu querido Mondoñedo. Que polo casco antigo hai unha ruta dedicada a Torrente. Que en Sillobre, onde eu nacín, ao pé da fonte de San Ramón, hai un bar cunha biblioteca dentro. E que o Camiño Inglés está cheo de xente... Entón prometeume volver. Aínda que só sexa para camiñar ata Santiago en silencio. «Galicia, para min, é unha emoción», díxome. Agora, cada mañá, cando vexo un peregrino ao lonxe, sempre me dá por pensar se non será él, Basilio, que xa chega....