Amparo Alonso, en «De 0 a 100»: «Traballamos para que a IA poida ser máis frugal e consumir menos recursos»

IAGO GARCÍA / ÁLEX LÓPEZ-BENITO / JORGE GARCÍA / ÁNGEL MANSO REDACCIÓN / LA VOZ

DE 0 A 100

IAGO GARCÍA / ÁLEX LÓPEZ-BENITO / JORGE GARCÍA

A coordinadora do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da UDC, falou do presente da IA e dos retos que supón para o futuro da sociedade no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo no programa que La Voz realiza coa Consellería de Educación

12 feb 2026 . Actualizado a las 12:49 h.

A carreira investigadora de Amparo Alonso (Vigo, 1961), está estreitamente ligada á aplicación de técnicas informáticas. Aínda que ela é enxeñeira química. Chegou á computación a través da aplicación de datos médicos, e de feito a súa tese presentaba xa un sistema de diagnóstico e terapia do estado fetal monitorizando o estado dun bebé antes de que naza. «Pareceume interesantísimo que compañeiros cos que estudaba en Santiago comezasen a empregar algo novo aplicado á enxeñaría biomédica», dixo Alonso no programa De 0 a 100 que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación e que fixo parada na biblioteca do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo.

Na súa dilatada carreira coma investigadora destaca a finais dos anos 80 unha estadía no Colexio Médico de Xeorxia, nos EE.UU., onde desenvolveu sistemas intelixentes aplicados a entornos clínicos. «Na medicina a día de hoxe a presenza de Intelixencia Artificial (IA) está presente a través de ferramentas que melloran e validan os diagnósticos, detectando irregularidades en probas como radiografías ou tomografías que derivan nunha atención temperá e exacta de moitas doenzas», sinalou sobre un dos eidos nos que a IA leva moito tempo estando presente.

Amparo Alonso, membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e asesora de IA no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, coordina tamén o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en IA (LIDIA) da Universidade da Coruña, que entre os seus proxectos estuda formas de facer máis sostible a IA.

Alonso, durante o coloquio que mantivo con alumnado do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo
Alonso, durante o coloquio que mantivo con alumnado do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo ÁNGEL MANSO

Ferramentas que democratizaron o acceso a esta tecnoloxía coma Grok, Gemini ou Chat GPT están disparando o consumo enerxético da IA. Citou o seu artigo publicado en La Voz Inteligencia artificial… ¿y sostenible?, e remarcou que o impacto ambiental é cada vez maior. «No meu equipo pensamos que a IA tamén pode ser frugal, con usos máis específicos e concretos en función do usuario: non sempre nunha consulta temos que precisar os billóns de parámetros que se activan nos chats de IA que dende fai uns meses cada vez empregamos máis», apuntou ao respecto.