Enfermeiro e montañeiro, Nicolás González Casares, número 6 do PSdeG pontevedrés ao Congreso, ten en mente subir o monte Cervino, nos Alpes
09 nov 2011 . Actualizado a las 10:02 h.Na súa familia hai de todo: artistas, políticos, de esquerdas, de dereitas... Fillo do pintor Nicolás González Aller; neto de Luis González Taboada Licho, alcalde de Lalín de 1957 a 1979; cuñado de Rafa Cuíña... Nicolás González Casares (A Coruña, 1972 -circunstancialmente, pero de Lalín-) vai no número 6 nas listas do PSdeG-PSOE ao Congreso pola provincia de Pontevedra.
-As comidas familiares na súa casa teñen que ser un número...
-No Nadal é moi divertido, sobre todo cando estaba meu avó, que era un pouco o referente e máis ben de dereitas, aínda que bastante tolerante. Nunca chega o sangue ao río. Os maiores son bastante máis moderados.
-¿Saíu vostede ra?
-Saímos varias ras [ri]. Pero pode que o máis escorado sexa eu. Estou en política porque quero convencer á xente de que isto vai ir a mellor. A miña irmá Teresa, a pequena, que é enxeñeira naval está sopesando ter que marchar de Galicia, e eu penso que hai esperanza para xente coma ela.
-¿Que circunstancias espazo-temporais terían que darse para que chegase vostede ao Congreso tendo o número 6?
-É moi difícil. Eu, realmente, ía de cinco, pero houbo un erro coa paridade e quedei no seis. Vou representando un pouco a unha comarca. Sei que hai moito voto desencantado e o voto desencantado, fundamentalmente, é o noso.
-¿Que fará Rubalcaba despois do día 20?
-Rubalcaba sería o mellor presidente do Goberno para España nas circunstancias nas que estamos hoxe. ¿Que vai pasar? Eu loito para que sexa presidente; pase o que pase despois do
20-N o partido terá que reflexionar, aínda que se gañase.
-¿Non habería que procesar a algún banqueiro como en Islandia?
-Nalgúns casos seguramente hai situacións de delito. Pensa nas indemnizacións millonarias: uns tipos que non eran donos das entidades, que levaron á entidade a unha situación horrible e que, despois diso, marchen cheos de cartos. Supoño que haberá algunha responsabilidade máis alá da ética. Se ti fas algo mal no teu traballo, seguramente non che dean premios.
-É vostede un tipo de altura, en sentido literal, ou sería máis correcto «de alturas»...
-Son montañeiro. Fixen algún 3.000 e teño o proxecto dun 4.000 para o ano que vén. Gustaríame subir ao Cervino, a montaña máis alta dos Alpes.
-Hai moita xente que non entende que aos montañeiros lles poida compensar un esforzo tan grande en subir para baixar outra vez...
-É o reto de ir subindo, do contacto coa natureza, son moitas cousas. E esa sensación de chegar arriba, ter unha visión impresionante e comer un chourizo que levas da casa [ri].
-Chourizo de Lalín, por suposto. Por certo non o fixo mal Xosé Crespo, o seu alcalde, coa exaltación do cocido ¿ou?
-Eu reivindico que o meu avó foi o creador [ri], pero si que é certo que Crespo é un gran impulsor do cocido ata o punto de pensar que todo Lalín é cocido, e non creo que sexa así. As paisaxes, o Candán que doe velo queimarse... E a crise hoxe en Lalín é bestial, destruíuse moito máis emprego que na media de Galicia. Hai que poñerse todos xuntos a tirar do carro. Pero bueno, estabamos a falar de montañas e xa estamos coa política.
-Unha cousa leva a outra...
-Son moi bo comedor e, nos sitios de montaña, cómese moi ben. A montaña engancha, despois da fin de semana das eleccións teño pensado ir aos Ancares.