Menús sans, nenos sans

Cristóbal Ramírez - congostro@gmail.com

ESCUELA

Os colexios ofrecen nos seus comedores menús sans, pero Galicia lidera a proporción de menores que sofren obesidade en España, case un 30 % no 2009

07 mar 2012 . Actualizado a las 12:45 h.

¿Cal é a influencia da actual crise económica na alimentación dos escolares galegos? Ou dito doutro xeito, ¿cómese peor agora que hai un lustro? ¿Continúan mandando as pizzas, espaguetis e hamburgueses sobre o peixe fresco? ¿Que fan os colexios ao respecto?

Por empezar polo final, nos centros non se rexistran grandes novidades. A gran maioría continúan apostando polos menús sans, aínda que na Consellería de Educación comentan que «iso depende moito da persoa que estea á fronte de cada comedor escolar, cada colexio é un mundo». Pero en xeral, como recoñecen os profesores, no último decenio foise tomando conciencia de que «vale máis filete con patacas da Limia que produtos que hai que desconxelar a correr». O certo é que nestes anos os centros foron escenario de multitude de ideas neste senso. Desde iniciativas como Realce de Alimentos Auténticos no Eixo Atlántico (financiada pola UE), que tivo en Laza o seu centro pioneiro e logo se estendeu a Verín e concellos limítrofes da man da asociación Grelo Verde, ata o programa en vigor de froita (gratis) nos recreos dous días á semana para os 600 alumnos de centros de infantil e primaria como o de Sigüeiro (Oroso), pasando por outras para toda a poboación como a que protagonizou Boqueixón dentro do programa Concellos Saudables.

Pero ¿como se explica entón que Galicia haxa cada vez máis nenos obesos? Os datos non son moi novos, xa que se trata de procesos lentos, pero os endocrinólogos están preocupados porque de 1989 a 2004, tres lustros tan só, na comunidade se triplicou a obesidade infantil. E isto vai en aumento, xa que no 2009 se coñeceu que Galicia lidera os datos de toda España na proporción de menores con ese problema: case o 30 %. Claro que tiñan de onde tomar exemplo: é tamén a terceira comunidade en adultos afectados pola que sen dúbida é unha enfermidade: 23 %, fronte ao 14,5 % do conxunto español.

A cousa non é para tomala a broma. Por iso se celebran cursos de Educadores en Obesidad Infantil: Niños en Movimento. O número 14 terá lugar a finais de marzo. Iso si, en Barcelona.