Camilo Nogueira: «Esquerda Galega tiña as cousas claras, os demais andaban un tanto despistados»

ELECCIONES 2016

XOAN CARLOS GIL

Foi deputado entre 1981 e 1983 e entre 1997 e 1999

22 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Segue tan en forma ideolóxica que co seu discurso semella que volta a ser candidato nas eleccións do domingo. Pero invitado a votar a vista atrás, Camilo Nogueira está persuadido de que Esquerda Galega, a formación que o levou ao Parlamento antes de facelo con BNG, tiña o concepto de Galicia como nación moi definido e claro no súa mensaxe electoral e actuación política. «Esquerda Galega tiña as cousas claras, e os demais, por distintos motivos, andaban un tanto despistados. Nós chegamos ao Parlamento cunha bagaxe que se puña de manifesto ca reivindicación das autovías, a nosa postura sobre a lingua, o carácter económico de Galicia, a UE...», enumera.

 

 

Lembra que foi desde os seus escanos dende onde se presentou a idea de recoñecer o himno e a bandeira, e outras ideas do galeguismo do século XIX «que foron admitidas por todos», engade. Esa claridade que Nogueira indica guiaba ao seu partido, foi freada por Fraga subindo do tres ao cinco por cento dos votos totais a barreira necesaria para entrar na Cámara. «Foi evidente a manobra», di.

Agora agarda que o nacionalismo que representa o BNG volte ao rego que o levou ao Parlamento Europeo en 1999, tras facer unha reflexión, iso si, de por que ten caído ata colocalo como cuarta opción electoral. «Temos unha posibilidade agora de recuperar polo menos parte do que perdemos e da idea de Galicia como nación», di para negar que se poida aparcar dita reivindicación poñendo como escusa cuestións sociais. «Teñen que ir xuntas», clama.