A fábrica de mestres

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa OURENSE

EDUCACIÓN

MIGUEL VILLAR

Reportaxe | A Facultade de Educación cumpre cinco anos O decano do centro, Xosé Manuel Cid, resume a historia do maxisterio ourensá no primeiro capítulo dun libro que sirve de homenaxe aos docentes xubilados

14 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A Facultade de Educación cumpre cinco anos a vindeira semana. Pero os ladrillos da fábrica ourensá de mestres empezaron a colocarse a mediados do século XIX. A historia dos que ensinan aos que teñen por oficio ensinar recolleuna o actual decano do centro, Xosé Manuel Cid, no primeiro capítulo dun libro que pretende ser unha homenaxe aos docentes que se xubilaron no último lustro. A publicación, que recolle artigos de moitos profesores da Facultade de Educación, non exercerá unicamente de torta de aniversario. É tamén un recoñecemento a aqueles que puxeron os cimentos do maxisterio ourensán. Deles, de 75 anos de educación feita en Ourense, fala Cid nun libro que se presentará o martes no campus: Repensar a educación e a sociedade: realidades e desafíos. Para o decano da facultade, esta é herdeira dunha tradición pedagóxica centenaria. No seu estudio evita deliberadamente a análise das xeracións de profesores e alumnos do franquismo: «Por ser un réxime político que nega as principais condicións para que se produza o feito educativo, como son as da liberdade, a diversidade e a democracia». Os fitos da historia da educación en Ourense que destaca Xosé Manuel Cid son a creación da Escola Normal de Mestras, en 1915-16; a fusión da masculina e a feminina durante a Segunda República, en 1933-34; a nova separación, en 1945-46 e, xa por último, o comezo da transición política trala morte de Franco. De forma ampla pode dicirse que foron anos de estabilidade nos estudios pois, apunta Cid, moitos dos profesores permaneceron no centro durante varias décadas. Hilvana decenas de nomes que apuntalaron o maxisterio ourensán ata 1945. Rescata os nomes de Emilio Amor Rolán, Jesús Soria e Bruno Martínez, entre os conservadores, e Luis Fernández Pérez Xesta, Pío Ramón Ojea e Jacinto Santiago, entre os liberais. Deste último apunta: «Foi o mártir entre o profesorado da Escola Normal. O profesor que recibiu a sanción exemplar. nin sequera foi chorado publicamente polos propios compañeiros do claustro». Foi paseado co seu discípula Eligio Núñez e co alcalde O Carballiño Aquilino Sánchez. Xuntos e mortos foron atopados preto de Vilariño Frío, lembra Cid, que engade: «Non houbo máis sancións pero foise dando un xiro ideolóxico á docencia normalista no franquismo, que facía difícil o desenvolvemento profesional e intelectual do profesorado». Escura etapa «Con menos entusiasmo do que tiña este cadro de profesorado normalista ca chegada da Segunda República, comezou a longa noite de pedra para a educación ourensá. As actas das sesións do claustro da Escola Normal reflicten unha aparencia sospeitosa de absoluta normalidade», relata Xosé Manuel Cid. Segundo a documentación consultada por el, rexístrase a substitución de profesores destituídos con total normalidade, como se estivesen de vacacións en lugar de estar na cadea. No seu artigo refírese o profesor e investigador a segunda metade da década dos corenta, cando os centros de formación dos docentes estaban separados por sexos: «Outro mecanismo de control introducido polo réxime son as clases de Enseñanzas Patrióticas y Formación del Espíritu Nacional, que permitiu colocar entre o profesorado a destacados cadros da Sección Feminina e da Falange local». Nos anos cincuenta prodúcese, segundo Xosé Manuel Cid, a incorporación de dous profesores que influirían na evolución da Escola de Maxisterio nas seguintes décadas. Refírese o autor a Manuel Bermúdez e Manuel Albendea. Nos últimos anos do franquismo Ourense volve contar cun centro único e mixto baixo a denominación de Escuela Normal e ata 1972, ano en que botou a andar o primeiro curso da Escola Universitaria de Formación do Profesorado da E.X.B. «As novas condicións da democratización educativa , coa caída do franquismo, abriron grandes esperanzas para unha formación de profesorado renovada», continúa Cid que destaca tamén, desa época, a participación do alumnado nas escolas universitarias e a incorporación do galego ao ámbito académico. No completo artigo de carácter histórico do que é autor Xosé Manuel Cid fai un repaso dunha xeración de mestres da -a da década dos vinte polo entusiasmo co que asumiron a reforma educativa republicana-, dunha xeración de mestras -as que foron represaliadas en 1936, simbolizando as ansias de nova educación que tiñan estas mulleres- e unha máis recente xeración, xa da escola universitaria. E así remata: «Os centros de formación de mestres, con distintas denominacións ao longo da historia, foron importantes focos de creación científica, cultural e pedagóxica, combinando os fundamentos das diversas disciplinas propiciados pola docencia nas institucións académicas superiores cun autodidactismo que realizaban os alumnos ao longo da súa formación permanente e o seu desenvolvemento profesional». Hoxe - a trala creación da Universidade de Vigo en 1990- a Facultade de Ciencias da Educación integra os estudios de Mestre que se viñan impartindo na Escola de Maxisterio e os de Psicopedagoxía, Educación e Traballo Social, que ata ben pouco se cursaban na Facultade de Humanidades. Case dous mil alumnos, cen profesores e vinte traballadores de administración e servizos. A historia continúa.