NEORREALISMO

La Voz

EDUCACIÓN

AURORA MARCO, profesora da Universidade de Santiago

12 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Da necesidade de crear prosa en galego, idea compartillada por quen trataban de reconstruir a cultura galega, naceu A xente da Barreira, escrita ao pouco de chegar a Ferrol, en 1941, tras o presídio en Jaén. Publicada en 1951, é unha novela de época, que reflicte, a modo de crónica, un momento histórico, social e mesmo político, a través da saga da Barreira, a familia dos Frade de Eiris, tres xeracións emarcadas no século XIX e comezos do XX. Estructurada en dezanove unidades xustapostas, relativamente independentes -embora estexan unidas polas personaxes e por aquela casa señorial, inspirada na casa de Balin, no concello lucense de Baleira-, o autor reúne unha serie de cadros impresionistas, estampas da vida rural, nun momento de transformacións: o decaemento da fidalguía dos Eiris e o nacimento dunha nova sociedade que cambia a vida do país. Tema novelado por Otero Pedrayo en Os camiños da vida, mais, a diferencia desta, esta novela inxeírese no neorrealismo e, do punto de vista estructural aproxímase máis ó modelo utilizado por Castelao, Cunqueiro ou Selma Lagerlöf, que Carballo leu moito, autora de A saga de Gösta Berling. Narrada en tempo rápido, de ritmo «case cinematográfico», segundo o autor, é unha novela documental, moi ben escrita, que veu encher un baleiro na narrativa de posguerra: foi a primeira publicada tras a contenda bélica. Un aspecto novidoso é o tratamento dos problemas do mundo rural que recrea desde un ponto de vista social e económico.