Séntese moi galega despois de 14 anos no noso país, pero soña con volver ás súas raíces
11 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Á pregunta de se realizamos esta entrevista en castelán ou galego, a resposta de Sofia Lykhohray é tallante: «en galego, se pode ser, que o estou perfeccionando». A realidade é que nada ten que mellorar esta profesora de idiomas, residente no Concello de Silleda, respecto da nosa lingua que leva practicando nos últimos anos.
—Cantos anos leva en Galicia?
—Son xa catorce anos en Galicia. Os meus pais viñeron para Madrid pero non lles gustou a capital. Son máis de campo (ri), polo que acabaron instalándose en Ourense, e eu estudei en Santiago.
—E acabou vivindo en Silleda.
—Bueno o meu marido é profesor de latín e grego na Cañiza, eu daba clases en Lalín e entón buscamos un punto medio para vivir (ri).
—Cantos idiomas domina?
—Pois español, galego, alemán, polaco, ruso, ucraíno e inglés por suposto.
—Non está nada mal.
—Dánseme moi ben os idiomas, e gústanme moito, creo que está claro (ri).
—Como lle está afectando a guerra que asola o seu pais.
—Terriblemente. Está sendo horrible. Conservo no país tíos, curmáns e amigos aos que chamo para saber como o están pasando e as informacións son terribles. Os prezos da cesta da compra subiron unha barbaridade polo que teñen moitas dificultades para mercar os poucos produtos que hai, os carburantes escasean e son carísimos polo que xa son moitos os que non poden ir a traballar... Moitos están pasando frío... Todo se estancou en Ucraína nun momento en que se estaba vivindo moito mellor, en que se palpaba progreso... Tiña pensado viaxar ao país no Nadal pasado pero logo decidín non ir pola situación bélica. Unha amiga da infancia que vive en Kiev, e coa que manteño comunicación telefónica cando podo; que non sempre se consegue establecer contacto polos numerosos cortes que se dan, pasou un día enteiro na bañeira da súa casa polas bombas que caían por todas partes. Vive nunha angustia terrible, pero dime que non quere deixar o seu fogar.
—É optimista respecto do fin da guerra?
—Estou convencida de que a guerra en Ucraína acabará, antes ou despois, pero o conflito continuará no tempo. Non será fácil volver a tecer redes de entendemento. O problema de Rusia é que o poder está centralizado nunha única persoa, que ordena e manda. É unha guerra de liberdade e o goberno quere ter á xente totalmente submisa e que acate todo o que se lle manda.
—Varios concellos da contorna, entre eles por exemplo Silleda e Lalín, acolleron a refuxiados que despois dun tempo na comarca decidiron voltar a Ucraína a pesar de que o país segue sufrindo unha longa guerra.
—É certo pero pensa que moitos dos refuxiados que chegaron a Galicia, e tamén á zona, eran mulleres con fillos. Os seus homes quedaron alí, moitos deles combatendo, e aínda que desde aquí se lles brindou todo tipo de axuda, a súa vida quedou en Ucraína e decidiron volver a pesar da guerra. Tamén coñezo casos de compatriotas que están a gusto aquí e non pensan en viaxar de novo a un lugar de tanto conflito. Digamos que temos situacións diferentes, dependendo das casuísticas das persoas.
—Foi unha das persoas que colaborou activamente precisamente na axuda aos refuxiados.
—Axudei ao igual que fixeron outras persoas. O meu dominio do idioma serviu para axudalos en todo aquilo que precisaron, tanto dende o punto de vista administrativo como sanitario e educativo. Colaborei moito coa asistenta social de Silleda, tranquilicei a moitas familias e acompañeinas no que necesitaron.
«Aprendín galego en Ourense escoitando aos maiores xogando á brisca»
As grandes nevadas en Sokal e o Nadal da súa infancia é o que máis estrana Sofia de Ucraína; «no meu país vívese iso doutra forma, festéxase moito máis», comenta esta profesora que non descarta poder volver á cidade na que naceu. «Gustaríame pasar alí un ano, ou algo máis, para que os meus fillos tamén se sintan ucraínos. Falan galego, castelán e ucraíno pero nunca estiveron alí e é unha materia pendente que esperamos poder realizar algún día», explica cun sorriso. A pesar da ansia que ten por pisar a terra non deixa de puntualizar que se sente moi galega; «sempre fun galega, dende que nacín, xa que a miña zona de orixe en Ucraína chámase Galitzia».
Por outra parte, Sofia Lykhohray recibiu recentemente en Compostela das mans do secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, o premio Rogelia Mariña, polo traballo levado a cabo en favor do pobo ucraíno. Un recoñecemento que Sofia non esperaba, pero que agradece enormemente aínda que o destina a todos os seus compatriotas «pola súa valentía e aos galegos que foron e son solidarios coas familias chegadas dende Ucraína, que abriron as súas portas para acollelas».
Traballo de colaboración e axuda que Sofia mantén no tempo ao impartir clases de español. «Colaborei coa UXT de Ourense, con Cáritas de O Carballiño, e tamén na UNED de Pontevedra impartín cursos de español de balde para os refuxiados. Foi moi interesante xa que é moi importante que aprendan castelán para poder integrarse no país, e as persoas que queiran aprendelo que se poñan en contacto comigo que seguirei coa ensinanza para os que o precisen», insiste. E, como se aprende mellor un idioma? Tamén escoitando, di Sofia. «Eu aprendín galego en Ourense escoitando aos maiores xogando á brisca». Case nada.