O San Vicente de Rodeiro, en perigo

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

miguel souto

Cinco días antes da celebración dous veciños decidiron asumir a posta en marcha da festa durante tres días

02 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Debeu mediar San Vicente Mártir para que a vila de Rodeiro tivera un ano máis as festas patronais na súa honra. Como xa ben sendo costume, cinco días antes aínda non había unha comisión que se encargara de programalas e os veciños Xosé Miguel García Abu e Xabier Gómez, puxéronse a fronte artillando un bo programa para tres días de festa. Coma noutros lugares de Deza, as festas no inverno, malia que as orquestras rebaixan os prezos, van esmorecendo mentres as de verán van gañando terreo, moitas delas vencelladas a algunha celebración gastronómica. En Rodeiro a celebración do patrón San Vicente, corre perigo de desaparición, mentres a do San Antonio, que se celebra en xuño, vai a máis e aumenta a concorrencia de festeiros. Hai moitos anos que desapareceu a celebración das Dores na Semana Santa, que ten imaxe das de vestir na igrexa parroquial.

Estas do San Vicente de Rodeiro comezaron o venres con verbena, amenizada por un par de orquestras ao igual ca o sábado e remataron o domingo coa actuación da Banda de Música de Agolada que tamén acompañou a procesión, que tivo lugar despois da misa solemne. Nós estivemos o sábado, xornada principal na que o grupo de gaitas Os Arandos dou o pasarúas e a continuación acompañou a procesión, logo da misa solemne que oficiou Raúl Álvarez Otero da casa do Estraloxo, sacerdote nativo da vila, que exerce o seu labor pastoral en varias parroquias de Monforte de Lemos. Na misa cantou a Coral Polifónica de Rodeiro, que foi moi aplaudida polos seus veciños. Nos días anteriores houbo novena na capela do Xan, que tamén ben acollendo a que se celebra polo San Antonio, xa que está máis a man ca igrexa para os devotos que queiran asistir.

Interesante igrexa románica

Os actos relixiosos tiveron lugar na igrexa parroquial que se encheu de fieis nas dúas xornadas. Na vila e parroquia tense proxectada unha nova igrexa nunha céntrica praza, pero semella que os continuos atrancos non van permitir polo de agora, a súa construción. A actual, é unha interesante igrexa románica que ten sido estudada polos máis importantes investigadores da arte relixiosa galega. Unha inscrición no tímpano semicircular da porta principal, difícil de ler polo desgaste que presenta, sinala segundo Yzquierdo Perrín, o ano da construción da igrexa: ERA MCCXCVII que ven sendo o ano 1259, mentres que Bango Torviso propón ERA MCCXXVII, que corresponde ao 1189. Coidamos que a primeira é mais verosímil e ven referendada polo o arco triunfal apuntado de transición ao gótico que se conserva no interior da igrexa, malia estar privado dos capiteis e columnas que debeu ter. O profesor de Historia da Arte, Augusto Guedes de Castro, nunha recente publicación, destaca a colección de canzorros que se conservan baixo a sopena do tellado con variada decoración, coma a figura dun home tocando un «dolio», outro sentado lendo un libro deixa ollar os xenitais, e tamén hai varios rostros humanos e de animais, así coma numerosas figuras xeométricas, coma unhas vieiras que lembran as que se atopan na igrexa de Lalín de Arriba, que coma esta de Rodeiro, está no Camiño de Inverno a Compostela.

Unha porta lateral con tímpano liso e unha cruz patada coroando o testeiro, completan os elementos románicos deste templo, que ten no interior un par de pías bautismais desa época. Unha espadana barroca substituíu a orixinal da igrexa románica do século XIII, que se erguera baixo a influencia do próximo mosteiro de Oseira, posuidor de moitas terras e rendas nas terras de Camba.

No interior do templo, pode ollarse un fermoso retablo do século XVII que ten na parte superior unha pintura de Cristo crucificado, con imaxes de certa antigüidade coma as de San Antonio, A Virxes do Carme e a das Dores, así coma a do propio San Vicente e outra máis nova da Virxe do Pilar.

Castiñeiro centenario seco

Formando conxunto coa igrexa hai un par de vellas casas señoriais, unha delas ten labrada no lintel do portalón a data de 1716 e tamén un centenario castiñeiro de grande envergadura e mais de catro metros de perímetro que «por desgraza secou recentemente e ameaza con esboroarse enriba do camposanto, no que se atopan os enterramentos dos veciños da vila a partir do século XVIII, con interesantes panteóns das familias sobranceiras desta parroquia», segundo nos refire o párroco e Alvito García Fente, a coitío preocupado polo patrimonio destas terras de Camba nas que exerce coma vicearcipreste.