TRIBUNA ABERTA | O |
11 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DICIR RÍO en Galicia é de seu tan natural como a pronuncia da abundancia: a seiva das árbores, a fertilidade, o alcance das anadas, a riqueza da paisaxe que nos anuncia o termo da viaxe: o noso mar, ou mares (do norte e océano, que tamén son alimento e camiño de ida e volta ou nunca máis volver). Eu teño o meu río na memoria de lonxe e preto, e sempre veño a el: o Arnego, da raíz léxica de ARN, como Arnoia de Allariz e Arno de Florencia, espacios de interés que os seus ríos ennobrecen. O Arnego é o río do Faro, fontela que nace a medra polas terras de Rodeiro, vístese de pedra en ponte medieval de Pedroso, baixa de troitas e ameneiros, bidos, vida, ata chegar á Insua da Ponte dos Cabalos: outra volta a pedra labrada no ano 970 para que o Camiño Real pronuncie os pasos das xentes e das bestas que facían a viaxe desde O Reino ata Betanzos (Auria-Brigantium, segundo as crónicas de antigo) A Insua é un paraíso que ten a sabiduría da inxeniería rural para o aproveitamento das augas: pasares e canles, tosta, murados na defensa das ribeiras, mil floras selvaxes, que arestora os veciños de Gurgueiro, de Laxosa, de Parada e de Alperiz, nos concellos de Agolada e de Lalín non saben que facer con tanta historia de vida en abandono. Pero sempre hai un listo na ruina cando a deserción e o desamor é unha evidencia: os amos do Plan Hidrolóxico e Augas de Galicia, coa leria e co disfrace de todo vale, todo se precisa, todo se vende, todo é progreso, chantan o prezo das terras, deseñan as minicentrais Lamas 1 e Lamas 2, A Balsiña, para aínda máis, cabo da entrega do río ao Sobreiral de Carmoega (protexido pola Rede Natura da Comunidade Europea) e velaí o ataque raseiro dos predadores de oficio: merco e mando xa. Non hai reparos. As ausencias dunha xuventude capaz e alerta no medio rural, polo despoboamento, fai posible esta ousadía de proxectos, campantes pasan de min e de ti, de nós e de vós, que nos conxugan inertes, parvos, entregados á vella ladaíña do útil reprogreso. Onte eran nesta crónica os ataques polo aire, mares de vento no Candán, no Faro, no Farelo, no Careón, no Carrio... hoxe prosegue a denuncia e a defensa das matrias feraces dos nosos ríos: vida, cultura, patrimonio, riqueza. Pero eles non saben nin queren, porque non aman; ou sí aman: Galicia á intemperie.