O SOL | O |
05 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A ALDEA GLOBAL impónse. Estanse a esgotar os localismos en practicamente todos os aspectos, e esencialmente na economía. A apertura de miras manda, e as empresas vense na obriga, dóce por outra parte, de ir máis aló do seu territorio natural, e darse a coñecer en todos os recunchos. É entón cando o márqueting se volve ferramenta indiscutible. Nestes días varias firmas de moda de Lalín participan na Semana Internacional da Moda de Madrid. Un foco vital para dar a coñecer o producto made in Deza e procurarse novos clientes, amén do aplauso dos expertos, se pode ser. A finais de semana chegará unha nova edición da Feira do Moble da Estrada, cita ineludible para as empresas da zona que non están dispostas a durmirse. Darse a coñecer e chegar ao maior número de cliente posible vólvese vital. A máis impactos, mellores resultados. Ou cando menos, así debería ser. Non é de estrañar, pois, que citas como a madrileña de moda, ou a estradense de moble se convertan en indispensables para as respectivas firmas. En cuestión de poucos días milleiros de visitantes coinciden nun único espacio ao que se achegan coa mente aberta, dispostos a empaparse de tendencias, e incluso concienciados en que tarde ou cedo sucumbirán ao que se lles propón. Lonxe quedan para moitas empresas a competencia a nivel local, a situación mudou. Nun entorno global o veciño non é suficiente. Hai que ir máis aló. Xogar con máis dunha baralla.