Oca, sendeirismo e gastronomía copan o interese dos turistas na Estrada
A ESTRADA
A maioría dos turistas veñen de comunidades como Andalucía ou Madrid
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O primeiro mes de tempada alta de verán arrincou cuns intereses claros para os turistas na Estrada, onde as oficinas de turismo están a recibir a múltiples visitantes aloxados na zona, ou que están de paso. Entre os eidos que máis atractivo suscitan entre os turistas atópanse as visitas ó Pazo de Oca, as rutas de sendeirismo e a gastronomía, que ocupan o podio da lista de recursos máis demandados do concello estradense. Un dos puntos de información turística atópase emprazado na Casa das Letras, preto do consistorio, e outro deles ao pé do Pazo de Oca, tamén coñecido como o «Versalles galego».
Nestas datas, con motivo da ponte do Apóstolo, prevese un incremento da afluencia turística na zona durante estes días. Como é común ano tras ano, a cantidade de persoas que elixen o concello da Estrada para pasar uns días aumenta considerablemente grazas a estes días libres para moitos. A isto súmase que coincide co arranque das visitas do mes de agosto, no que o número de turistas normalmente é maior.
No relativo ao tipo de viaxe, destacan aqueles que escollen á Estrada para gozar das súas vacacións, e aqueles que están aloxados no concello, moitos deles en establecementos de turismo rural. Estes últimos constitúen un 50% do total de turistas, contando a aquelas persoas que tan só están de paso. O perfil destes viaxeiros é que na súa totalidade son persoas de fóra da comunidade galega, destacando os procedentes de Andalucía, Madrid, Cataluña ou do País Vasco. O rango de idade predominante é amplo, de 40 a 75 anos, e o máis común é que os visitantes cheguen en grupo, ben sexa con amigos, ou familias sen nenos pequenos ao seu cargo.
O Pazo de Oca é un dos lugares que captan a atención destas persoas, e unha das xoias indiscutibles do turismo local do municipio. O interior deste monumento é un dos factores que provoca máis curiosidade entre os que se achegan a estas terras, sendo posible dende hai uns anos percorrelo por dentro. Non obstante, os seus xardíns exteriores non pasan desapercibidos, sendo unha das partes que máis éxito teñen entre os viaxeiros.
Aínda que xa pasou o seu momento de protagonismo coa festa da Rapa, Sabucedo sigue atraendo moita afluencia de persoas, sendo unha das zonas que máis chama a atención dos foráneos. Nesta parroquia estradense, os que se acheguen terán a posibilidade de coñecer o curro do Campo do Medio e o curro vello, a carón da igrexa parroquial, ademais da posibilidade de gozar de propostas como a Ruta dos Muíños de Vesacarballa ou a ruta que leva aos petróglifos, a última con un pouco máis de dificultade.
Un dos pratos fortes ademais dos xa nomeados son os múltiples atractivos naturais cos que contan ao longo de todo o concello, converténdose nunha cita á que os turistas non poden faltar. Moitas persoas deciden gozar destas paisaxes acompañándoas con exercicio físico, que compoñen outra das demandas nas oficinas de turismo, nas que moitos preguntan polas rutas de sendeirismo da contorna. E por último, pero non menos importante, a gastronomía é, sen dúbida, un dos aspectos que namoran a aqueles que chegan ás terras estradenses. Entre as preguntas está a de ónde comer o prato protagonista do lugar, o salmón, e tamén o polbo á feira.
Para aqueles interesados, as oficinas de turismo da Estrada pechan os luns e funcionan de martes a venres de 10.30 a 14.00 horas, e de 16.00 a 19.00 horas. Os sábados abren o horario prolóngase ata as 19.30, e o domingo traballan de 10.30 a 13.30 horas.