O escultor Acisclo Novo poñerá aos tres membros da familia Castelao Pereira a pasear pola Estrada
DEZA
A tamaño real e paseando os tres xuntos. Son os puntos clave da escultura que representará á familia Castelao Pereira e que o Concello da Estrada colocará na céntrica Praza de Galicia, no marco do Ano Cultural Virxinia Pereira. O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantiveron xa encontros co escultor ourensán que xa ten en marcha a realización desta peza, Acisclo Novo.
«Será a única escultura coa familia completa», apuntou o rexedor local. Lembrou que Virxinia Pereira e o único fillo do matrimonio, Alfonso Xesús Castelao Renda, descansan no cemiterio parroquial de Figueiroa, mentres que Castelao foi enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, en Santo Domingo de Bonaval. «Con esta escultura, A Estrada úneos aos tres nun lugar que para eles foi importante e que, ademais, hoxe en día leva o nome de Praza de Galicia», incidiu o mandatario.
Louzao Dono non quixo desvelar moitos detalles da escultura, pero si avanzou que estará realizada en bronce e a tamaño natural. Puxo o acento en que Castelao medía 1,90 metros, de xeito que é sinxelo imaxinar a envergadura que terá a peza. A obra representará ao escritor e galeguista paseando coa súa dona, a estradense Virxinia Pereira Renda, coa que compartiu vida e ideoloxía. De feito, un dos piares deste Ano Cultural é poñer de manifesto que Virxinia foi crucial para a conservación do legado de Castelao.
A escultura será colocada logo da humanización da Praza de Galicia, de xeito que os Castelao Renda se converterán, de maneira simbólica, nunha das moitas familias que pasearán por este espazo urbano peonil cada día.
O alcalde sinalou que o goberno escolleu a Praza de Galicia para situar esta obra por dúas razóns principais. A primeira delas —dixo— son as «referencias históricas» que esta zona da vila tivo para esta familia: nesta praza estaba a igrexa onde, un 19 de outubro de 1912, casaron Castelao e Virxinia Pereira e nela tamén estaba o Casino onde celebraron as súas nupcias, unha sociedade que presidiu o pai da noiva. Tamén aquí se atopaba a fonte á que Castelao se refire na súa Carta aos Estradenses, publicada en 1941 na revista Unión Estradense. «Apaguei a miña sede na fonte da praza, onde correo a i-auga mellor do mundo», di o autor. O alcalde adiantou que este tributo epistolar que o rianxeiro fixo á Estrada será lembrado no entorno da fonte pública que se recupera coa obra da Praza de Galicia.
A segunda das razóns polas que se escolleu este emprazamento é o propio nome que na actualidade posúe esta praza estradense. Louzao celebrou o feito de que a familia que conformaron Castelao e Virxinia sexa representada como paseantes polo espazo estradense que leva o nome da súa amada Galicia.
Para a colocación desta escultura o Concello da Estrada contará coa colaboración económica da Consellería de Cultura.