Servizo mancomunados: o abandono de Agolada

X. Ramón Blancio

DEZA

11 ago 2021 . Actualizado a las 21:45 h.

No ano 2004 un grupo de estudosos do asunto fixeron unha proposta de país para os concellos galegos. Neste elenco de xente que sabe do asunto, estaban persoas que hoxe conta con responsabilidades de goberno como poden ser o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o actual conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Tamén estaban xente do mundo académico como Rubén Lois, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago, ou Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada de Universidade de Vigo, experto do Banco Mundial e da Comisión Europea así como director do Foro Económico de Galicia.

Neste estudo insinuábase a fusión de concellos galegos e a creación de áreas de maior tamaño e calado, tanto territorial como económica, co obxecto de facer viable a súa supervivencia e adecuación á situación do s. XXI. De feito titulábase o estudo Os concellos galegos do século XXI.

Hai persoeiros políticos moi sinalados que pretenden, (e certas veces) mandan na comarca do Deza que viron a panacea no estudo e arrimando a ascua á súa sardiña intentaron vender a moto do ?Concello único do Deza?. Cando o que se pretendía, dende o punto de vista académico, era poñer o foco na pouca viabilidade de prestación de servizos por parte de concellos con dimensións reducidas.

Claro está que cando se lanza unha proposta acaparadora e ?imperialista?, mellor dito, se insinúa -que é peor-, por parte do alcalde da cabeza de comarca máis salientábel, pois vai crear o efecto contrario ao que se pretende conseguir. O efecto búmerang funcionou á perfección: A MANCOMUNIDADE DO DEZA, tal como algúns concelleiros que formamos parte da súa creación a pretendiamos NUNCA FUNCIONOU: porque se cría que o peixe grande ía comer ao pequeno. Craso erro....

A estratexia que creamos no seu momento era que a unión do esforzo de grandes e pequenos ía dar mellor satisfacción ás necesidades da xente do Deza.

Agora aparece un imitador do Duce/Bolsonaro, que seguindo pasos doutros con erros similares anteriores, bótanos fóra da institución porque ao parecer alí non está ben representado partidariamente (igual non acadou coche oficial ou soldo ao caso).

Iso si, sen acudir a unha asemblea da Mancomunidade e propoñer formalmente, como corresponde a un mandatario municipal, un cambio de estatutos que nos dea maior peso nas decisións mancomunadas (tamén habería que explicar o significado da palabra ?mancomunado?, para que su excelencia poida comprender)

Teño que dicir que a Mancomunidade do Deza, tal como foi deseñada e coas competencias que ten atribuídas é a gran axuda aos concellos pequenos da comarca, pero hai que crer nela. Dotala de recursos económicos é a eiva pendente.

O século XXI precisa de institucións apegadas aos cidadáns que suplanten ás deputacións provinciais de 1833, dous centos anos van aló e vai sendo hora de pórse a crear algo que funcione mellor. Con competencias e recursos económicos. O rural precísao para sobrevivir dignamente.

Sempre estará máis preto de Zobra, Brocos, Duxame, Bermés, Sabrexo, A Gouxa, Alperíz, Báscuas, Rodís, Arnego, Ramíl, Piloño, Escuadro, Moneixas, Saídres, Losón, Vilatuxe, Berrredo, Doade, Piñeiro, Merza, Sexo... (ou calquera outra parroquia da comarca) unha institución con sede no Deza para saber dos problemas, das nosas necesidades, que unha na Avenida Montero Ríos de Pontevedra, que cando ven aquí algún dos seus representantes é para sacarse a foto e presumir de non-feitos.