«Rivera é o Ícaro da política»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

O libro do estradense, que chega nestes días ás librerías locais, preséntase no MOME o xoves día 28

14 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Anxo Rei Chao (A Estrada, 1947) vén de rematar No Goberno dos milagres, o segundo título da súa triloxía Ao paso da política. Abarca o período previo á moción que derribou a Rajoy ata a convocatoria das eleccións do pasado domingo en 90 artigos. Prevé pechar o círculo co último título antes do vindeiro verán, «cando estea a lexislatura ou finiquitada ou consolidada».

-Pouco tempo lle augura...

-Hai moitas incertezas. Eu teño a esperanza de que poida durar, pero o conflito catalán vai ser determinante para saber se a lexislatura durará ou non os catro anos. Eu penso que vai depender, fundamentalmente, de como se enfoque a cuestión catalá.

-Que lle parecen os resultados do 10N na Estrada?

-Reproducen os de anteriores comicios. É como unha sociedade moi pouco permeable aos cambios sociais de España e internacionais. É como se tardase en reaccionar a eles.

-Como xorde a súa triloxía?

-A triloxía parte da idea de que a democracia liberal defende os valores da liberdade, pero contrólaa mediante mecanismos sutís, como a falta de transparencia, información falsa ou redución ao máximo da participación cidadá, evitando o control social dos cidadáns cara aos representantes políticos. Cuestións que provocan que se produzan desigualdades, privilexios ou incluso corrupción. Son temas dunha grande debilidade lexislativa, e aos que voluntariamente os políticos non lle meten man a fondo.

-Que aborda no libro?

-Analiza o decorrer político da moción de censura que derrubou a Rajoy ata hoxe, e ao tempo analiza determinado tipo de fenómenos nacionais e internacionais que poden darlle un selo característico á lexislatura.

-Con referencias históricas?

-Para ese análise recorro a unha serie de analoxías con anécdotas e feitos históricos, refráns, proverbios e determinados acontecementos do pasado que nos poden ilustrar para interpretar mellor a realidade que vivimos: busca converter o acontecer político en historias para salvalo do esquecemento. Por exemplo, o voo de Ícaro cando Dédalo lle constrúe as ás unindo con cera as plumas, emprende o voo e, a pesar de ser advertido de non aproximarse ao sol para non derretelas, voa tan alto que cae das alturas ao mar. Algo parecido é o que lle pasou a Albert Rivera, que pretendeu sorpassar ao PP para ser líder da dereita e esnafrouse. Unha caída semellante á da UCD.

-A temática no libro é múltiple.

-Trata desde o asasinato do periodista Khashoggi no consulado de Arabia Saudita ao brexit ou a crise venezolana. Ou o máster de Cifuentes e a exhumación de Franco, lembrando o que altos xefes da Armada dixeran ao rei preocupados polo proceso democrático, dicindo que Franco non o permitiría; seguro que tampouco a exhumación, faltoulles dicir.

-Por que ese título?

-Porque é inconcibible que un partido con 85 escanos puidera facerse co Goberno de España. Tivo que recorrer ao decreto lei e a alianzas moi problemáticas para que a lexislatura funcionase. E aínda así non logrou aprobar os Presupostos, polo que tivo que convocar as eleccións de abril e novembro. Recorreu a medidas sociais como equiparar pensións ao IPC ou universalizar a sanidade, que se poden considerar milagreiras, e que de seguir Rajoy no Goberno serían impensables.