Un grupo de pais mantiveron encontros e reunións encamiñadas a que se implante o programa no centro
12 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Primeiro foi unha loita para acadar que os nenos puideran quedarse na gardería lalinense ate os 6 anos. Loita que posteriormente deixarían ao non ter moito sentido, segundo lembra Elena Buceta, unha das impulsoras da iniciativa, xa que contaban cun servizo estupendo na gardería e as necesidades dos pais dende o punto de vista de compaxinar vida familiar e laboral estaba cuberto pero voltarían a atoparse co problema unha vez os cativos cumprisen os seis anos. Por iso decidiron centrar as súas metas na posta en marcha dun programa específico -que permitise conciliar vida familiar e laboral- no centro educativo no que os rapaces cursasen estudos; neste caso no Xesús Golmar de Lalín.
Os encontros entre pais foron múltiples para ir dándolle corpo ao proxecto. Viñeron tamén as reunións coa dirección do centro docente, co claustro e co Consello Escolar. Finalmente, e despois de moito madurar a idea, o Consello Escolar do Xesús Golmar deu o visto e prace á posta en marcha do programa Madruga que se porá en marcha no vindeiro curso académico.
Un programa que tenta conciliar a vida familiar e laboral polo que a intención é que as instalacións do centro docente se abran ás sete e media da mañán e permanezan abertas ate as 20 horas, de xeito ininterrumpido. Os nenos que sexan deixados polos seus pais no colexio a primeira hora da mañán poderán tomar o desaiuno no centro, o mesmo poderán facer aqueles cativos das parroquias do rural que chegan habitualmente moi cedo ao centro. O grupo de pais da Anpa do Xesús Golmar impulsor desta iniciativa xa pechou cunha empresa especializada a vixianza e actividades diversas nas que poderán participar os rapaces. Trátase da empresa que está realizando o proxecto Cascarón en Silleda, segundo Elena Buceta quen salientou que manterán unha reunión con todos os pais para falar deste proxecto, e presentárllelo a todos os interesados.
A idea é que a partires das 14.30 horas comecen a impartirse grupos de actividades acordes co horario en que se desenvolven, xusto despois da comida. As actividades extraescolares propiamente ditas arrancarían sobre as 16.30 horas e marcaránse en función da demanda que fagan os pais. Respecto ao prezo que tería que desembolsar cada un dos asistentes dependerá do número de horas que esté no colexio, baixo a tutela de persoal diplomado. Para facerse unha idea, un cativo que esté de 7,30 a 20 horas terá que aboar 150 euros ao mes.