«Todas as películas desta maratón son recomendables»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Na Casa da Cultura proxectarase o primeiro filme dunha programación que rematará de mañanciña

08 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Maratón de Cinema, que organiza a Asociación Socio Cultural Adellís, chega a súa novena edición.

-Que cambiou nestes nove anos de existencia?

-A nivel técnico melloramos bastante, pero logo a fórmula coa que naceu a maratón funciona e cando algo funciona mellor non cambiar nada. Unha das actividades que máis caña se lle deu dende a asociación foi o cinema, comezamos con este pequeno festival e aquí está.

-Como se seleccionan as películas para a maratón?

-É un traballo de grupo. O que proxectamos na maratón son películas que non chegan en demasía ao público. Se as pasan sempre é a horas intempestivas ou noutros foros... Cando remata unha maratón xa comezamos a traballar no seguinte e vanse seleccionando películas indo ao cine ao longo de todo o ano. É necesario ver referencias, ler críticas, visionar... Posteriormente elabórase unha lista con vinte, trinta películas e logo chega a criba e os comentarios con outros colegas sobre as propostas. Ao final haberá que quedarse con sete, que serán as que se proxecten. Lóxicamente que combinamos xéneros e procedencias, facemos un pequeno puzzle.

-É cine para todos?

-Bueno, non é cine para toda a familia. E iso que hoxe poderemos ver unha maratón do máis suave, se temos en conta o que se puido visionar en anteriores edicións. É unha maratón moi asequible e volta a comedia. A verdade é que é difícil de atopar unha comedia boa, e penso que a atopamos en Pequeña Miss Sunshine . Tiven a oportunidade de vela no cine e rínme moito.

-Con que película se quedaría, a máis recomendada?

-Todas as películas de esta maratón son recomendables, aínda que cada quen irá opinando xa que os xéneros son diversos. A primeira, Grizzly Man , é un documental fantástico de un home que vivía cos osos. El violín é un filme fresco e emotivo, Mi hijo e unha película típicamente francesa, Media Luna é do mesmo director que rodou Las tortugas también vuelan que foi o filme máis votado polo público o ano pasado na maratón; 13 Tzameti posúe estructura de curtametraxe, é suspense. Chega despois a comedia con Pequeña Miss Sunshine e por último a película sorpresa que será un auténtico petardazo.

-Cantas persoas participan nesta actividade...

-Depende. Normalmente comezamos poucos e rematamos moitos. En anos anteriores contamos con cincoenta, sesenta persoas. Xente de Silleda, e de fóra do municipio veñen á maratón. Persoas de Lalín, A Estrada... disfrutan desta actividade na que contamos tamén con ambigús entre as proxeccións que se aproveitan para conversar e para intercambiar opinións, falar da película.

-Todo de balde...

-Coma sempre. A entrada e o ambigú son de balde, e haberá música de sala de Gustavo Santaolalla. Na actividade colabora a Dirección Xeral de Cultura e o Concello.