A empresa Lázara posúe unha reliquia: un coche da feira fabricado en Alemaña no 51, que se exhibe en Lalín
29 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Feira Sustentable, que abre hoxe as súas portas no Campo da Feira Vello de Lalín, non só centra a súa parte expositiva en produtos ecolóxicos. O visitante tamén poderá ver coches antigos, os que se usaban para ir ás feiras. Vehículos que pertencen ás empresas Lázara e Cuíña. Lito Lázara está especialmente orgulloso do seu coche da feira: un tesouro.
-De que ano é?
-É do ano 1951. É é un mercedes feito en Alemaña. Un coche moi bo, que nós mercamos no ano 1958.
-Canto lles custou daquela?
-O coche novo era ben caro para a época. Custaba novo, un millón duascentas mil pesetas. A nós foinos máis barato xa que non era novo.
-E, moitos anos de uso?
-Once anos de uso, indo a todas as feiras que había na zona e nos arredores. O un era en Monterroso, o tres en Lalín, o día catro nas Cruces, o cinco en Touro, o sete en A Estrada, o nove en Doade, o 12 íamos a Agolada... Todos os días do mes había prácticamente unha feira...
-Canto custaba unha viaxe de Silleda a Lalín, por exemplo?
-Cinco pesetas. Logo se se trataba dunha viaxe nun coche da feira dos que chamabamos mixto, no que podía ir o gando, había que pagar tamén polos paquetes que se levaban e polos animais. Era un coche feito de pedazos: abaixo para a xente e arriba para o gando, para o pan, berzas e para os tendeiros. Este coche, o que se expón aquí en Lalín, era só para levar xente.
-Que capacidade tiña?
-Era para trinta persoas, trinta e dúas, pero ían oitenta moitas veces. Levabamos todas as que collían, todo iso en seis metros cadrados que é o que ten o coche. Non multaban e sempre se procuraba poñer un cura diante para que non houbese problemas...
-Creo que este coche lle çe moi solicitado para certos eventos...
-Para ben deles. Este domingo vai levar unha parella de Andorra que fai as vodas de ouro e os seus convidados, pero antes todos os que desexen subir a nel na feira poden facelo e mesmo nos prantexamos a posibilidade de dar unha volta por Lalín.