«Vou coñecer o impacto da cooperación en Senegal»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Entrevista | Soledad Sánchez Trujillano A presidenta do colectivo lalinense pasará o mes de agosto, as súas vacacións, no país africano para pulsar a realidade «in situ» e analizar a posibilidade de colaborar nalgún proxecto

18 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

«¿Que se pode facer dende o punto de vista da cooperación? Iso é o que pretendo saber e me empurrou a marcharme en agosto», comenta Soledad Sánchez. -Pero, ¿por que escolleu Senegal? -É unha cuestión curiosa. Mira, levabamos tempo mantendo contacto cunha rapaza de aquí que estivo en Senegal para que impartise unha conferencia na Asociación Manuel Ferreiro pero, por motivos de axenda, non puido celebrarse. Así que decidín ir eu alá. -¿A que adicará o mes enteiro? -Senegal é un dos países más pobres de África e quero coñecer a realidade da zona. Teño a intención de desprazarme ate o lugar exacto onde saien os caiucos con rumbo a Canarias, e mesmo ver os proxectos de cooperación que se están a desenvolver na actualidade e tamén coñecer por dentro o traballo das oenegés. -Nun momento no que periga o apoio cidadán a moitas delas por cuestións de fraude, que recentemente sairon á luz... -As oenegés teñen todo o meu apoio xa que son poucas ás que defraudan. A maioría pertencen ás coordinadoras e están sometidas ás correspondentes auditorías, teñen códigos de conducta. Realmente aquelas que defraudan están fóra das coordinadoras xa que nun cumprían os requisitos esixidos. De feito, en Senegal teño previsto coñecer o traballo por dentro da Asociación de Cooperación pola Paz e o que están a facer alí. Proxectos de granxa agrícola, acceso a auga, equipamento de maternidades, programas de saúde,... -¿Cabe a posibilidade de colaborar dende o colectivo lalinense nalgún proxecto? -Se nos atopamos con algún interesante e a asamblea así o decide, podería ser. Ao igual que enviamos ese 0,7% da asociación á escola en Zambia podería remitirse nesta ocasión para Senegal. Xa veremos. -Sen dúbida que istas serán unhas vacacións diferentes que non escolle todo o mundo... -A miña idea é pasar unhas vacacións diferentes e aproveitalas para que serva para a asociación, para sentirnos cidadáns do mundo. -¿Que é o que máis lle preocupa da estadía? -A diarrea. O médico me puxo moitas vacinas e me recomenda a cotío o que poderei comer e o que non. Pero xa se sabe, estamos moi hixienizados e aló a situación hixiénico-sanitaria é ben mala. A pesares diso teño sorte de poder elexir estas vacacións.