Unha capela con selo lalinense

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Reportaxe | De Donramiro a Yurimaguas O padre pasionista Odilo González, misioneiro na localidade peruana de Yurimaguas, acaba de solicitar do alcalde de Lalín axuda para levantar unha capela

04 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Leva máis dunha década no Perú en plena selva, en Yurimaguas a miles de quilómetros do seu Donramiro natal a onde ven de cando en vez. O padre pasionista Odilo González ven desenrolando alí un intenso traballo de axuda a unhas comunidades que estiveron moi marxinadas e explotadas ademais de estar continuamente expostas a enfermidades, segundo indicaba nunha das súas viaxes a Lalín. A tarefa fundamental do padre Odilo en Perú é promocionar o ensino e a saúde, e mesmo se preocupa por levantar pequenas capelas. Nese proxecto anda agora mesmo. Nunha das comunidades-caseríos ciscados pola selva, e que pertencen á parroquia de Odilo González que conta cun total de trinta poboacións, desexa construir alí un pequeno templo pero o maior atranco co que se atopa é a cuestión económica polo que decidiu pedirlle axuda ao alcalde de Lalín, Xosé Crespo. E, segundo relata, Odilo González dende Yurimaguas a resposta do rexidor local a súa petición foi positiva polo que lle remitiu documentación sobre os traballos que pretenden acometer. Satisfeito está o misioneiro pola acollida que a súa solicitude tivo no alcalde lalinense, e agarda que finalmente a capela se poida levantar. O plan de Odilo González é seguir con outra capela máis, pero a intención do misioneiro pasa por buscar axudas noutros lados para non abusar da colaboración que lle está a brindar xente da zona. En ano e medio, en plena selva, logrou que se construiran cinco pequeno templos dos que tres foron subvencionados por unha institución católica alemana e as demais foron indo a base de axudas particulares. O padre Odilo salienta que todo se andará. Foi no ano 1989 cando Odilo González, nado en Lalín e que estudou en Mondoñedo e no País Vasco, partiu ás misións ao Perú dende a súa residencia de entón que estaba en Caldas de Reis. Marchou como voluntario ante a falta de persoal que había por aquel entón na misión. Non voltaría a Lalín ate o verán do 94. De seguido voltaría para o país andino onde continúa a día de hoxe. Antes de ser misioneiro en Yurimaguas estivo na cidade selvática de Tarapoto e en San Lorenzo del río Marañón, e a súa gran preocupación en todos os sitios onde desenrolou o seu traballo misioneiro son os nenos e as mulleres.