O Seven, ao circuito europeo

DEZA

Reportaxe | O rugbi cobra forza en Lalín A competición deportiva internacional que se organizará na capital do Deza no mes de xuño contará con equipos chegados doutros puntos de España, de Francia e de Portugal

28 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O vencello entre Lalín e o deporte do rugbi é cada vez máis sólido. A capital do Deza dará este ano un novo paso á fronte de cara a converterse nun punto de referencia a nivel internacional da práctica deste deporte, a xulgar polo calendario deportivo previsto para o que resta de 2007. Aínda que non está completada a axenda, xa se sabe que Lalín voltará a acoller a desputa dun Seven Internacional que este ano contará ademáis con carácter oficial, entrando a formar parte deste xeito do circuito internacional. Será o 30 de xuño cando se desputen os encontros do Seven de Lalín. Aínda que tanto a presenza dos conxuntos masculinos como dos femininos aínda non está pechada, segundo indicou o presidente da Federación, Juan Manuel Espiña, será notable a participación de equipos extranxeiros. Entre os que xa teñen confirmada a súa presenza están o Fúbol Club Barcelona, o CRAT, ou o propio Ibaser. Agárdase tamén a participación do Tecnico portugués e dos equipos franceses do Comité de Beare, e dos de Biarritz e Lausanne, éstes últimos aínda pendentes de confirmación. A presenza de conxuntos femininos que participen no segundo Seven internacional lalinense tamén está garantida coa presenza do Arcos de Valdevez ou o Técnico de Lisboa, que xogarán ao igual ca algún equipo universitario galego. O carácter oficial que se pretende conferir ao Seven lalinense buscará situar o encontro dezano nun lugar preferente do calendario internacional. Deste xeito, garantizarase a participación de equipos de primeira liña, así como a maior presenza de siareiros. Máis competicións Ademáis do Seven que se celebrará en xuño, está previsto que entre os meses de outubro e novembro o Manuel Anxo Cortizo volva acoller un encontro do Campionato Europeo de Rexións contra unha representación francesa, así como a celebración este sábado ás 12 horas dun encontro do Campeonato de España de seleccións autonómicas que desputarán os combinados de Galicia e Baleares. Federación Hai tan só quince días que se ratificou a renovada directiva da Federación, que volta a presidir Juan Manuel Espiña López, e da que formarán parte os lalinenses Manuel González Aller e Rocío García Eiras. O presidente do Ibaser Lalín será nomeado novamente vogal da xunta e membro do gabinete médico. Pola súa banda a xogadora do ARVO ourensán ocupará tamén un cargo de vogal da Federación.