TRIBUNA ABERTA | O |
26 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O CULTO ao progreso é unha crenza universal imposta pola modernidade e que non admite ningún tipo de discrepancias. O home hai tempo que abandonou as raíces que o mantiñan unido á terra e agora vive identificado coa necesidad dun avance técnico sen límites. Pero chegou un momento no que a conquista do que él entende por «riquezas materiais» tan só é posible mediante o expolio máis brutal da Natureza. Un concepto fundamental nesa falsa concepción do progreso é o que se refire á velocidade. Hoxendía todo o mundo ten presa por chegar canto antes a algures. A velocideade é un fin en sí mesmo, e a ela lle renden veneración os seguidores da nova idolatría. Nesa loita suicida por reducir á mínima expresión o tempo e as distancias constrúense estradas, autoestradas ou liñas para ferrocarrís con vocación hipersónica; grandes obras que ás veces responden tan só a decisións políticas e non a necesidades reais, pero que conlevan a destrucción do medio ambiente. Un bo exemplo disto é o trazado do Tren de Alta Velocidade (AVE) de Ourense a Vigo pasando por Cerdedo, que vai provocar unha desfeita de grandes dimensións ao seu paso pola Terra de Montes, con zonas incluídas na Rede Natura 2000, ao tempo que trastocará a convivencia cotía da veciñanza ao crear unha barreira que separará concellos e parroquias. Dende algúns medios desatouse nos últimos meses unha campaña a favor do tren do AVE dende sectores moi interesados na súa construcción: políticos, colectivos empresariais, sindicatos, etc. Todos eles puideron dar o seu parecer sobre este asunto, en cambio as opinións dos veciños foron ignoradas unha vez máis, aínda que sexan os máis prexudicados polo trazado. Preguntas Ante todo isto só cabe facerse as seguintes preguntas: ¿É realmente necesario un Tren de Alta Velocidade que será de dubidosa rendabilidade no caso de que sexa destinado únicamente ao transporte de pasaxeiros, o cal parece o máis probable? ¿Non sería máis axeitado deseñar un plan de comunicacións interiores para Galicia -coa modernización do actual trazado de ferrocarril-, no canto de proxectar obras faraónicas que só interesan a determinados colectivos? ¿Porque non investir ese diñeiro en potenciar o agro galego, que vén sufrindo unha sangría insoportable de empregos?.