Sanmartín calcula nuns 7.000 euros o beneficio do triangular

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O presidente do A Estrada F.S. calificou o torneo de "excepcional" Juáncar súmase a Beto no parte de baixas do Reale para o partido de mañá fronte ao colista

22 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

"Excepcional". Desta maneira calificou onte o presidente do A Estrada F.S. o balance do I Torneo de Fútbol Sala Vila da Estrada. Unha valoración que comprende tanto o apartado deportivo, co trunfo do Polaris World Cartagena e co subcampionato para o Reale Seguros, como económico. Respecto a este último, Manuel Sanmartín calculaba onte que o triangular deixará nas arcas do club vermellón "uns 7.000 euros". A cantidade final está pendente de coñecer as subvencións que finalmente concedan a Xunta e a Deputación, e tamén do reconto dos ingresos por taquilla. O directivo manifestou onte que "deportivamente está claro que foi un éxito, mesmo para nós a nivel particular" tras rematar no segundo posto do torneo mercede ao inesperado trunfo sobre o Lobelle (2-0). "No económico", dixo Sanmartín, "foi o agardado", se ben recoñeceu que "contaba con máis xente nas gradas". Arredor de medio millar de persoas acudiron o mércores ao Pavillón Municipal Coto Ferreiro, segundo as contas preliminares da organización. Moi pouca xente para o cartel de luxo do I Vila da Estrada. Nembargante, entre comprensivo e resignado, Sanmartín comentou que "sei onde estamos, e isto coincidíu co Barça-Liverpool e nunha noite de perros". ¿Terá continuidade o Torneo? O presidente do Reale teno claro: "Creo que o Vila da Estrada debera pervivir no tempo". Polo que respecta á actualidade do Reale Seguros, Juáncar acompañará o lesionado Beto no parte de baixas co que o equipo vermellón afrontará mañá a visita aprazada do colista ao Coto Ferreiro. O peche bautiza ese día a súa filla, unha celebración que tiña prevista tempo antes do troco de datas do choque co Penlés, suspendido o pasado 27 de xaneiro a raíz dun temporal de neve. Deste xeito, o cadro estradense só conta con sete xogadores de campo dispoñibles, incluídos os tocados Pellón e Nino.