Animaladas

DEZA

O CRISOL | O |

24 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A comarca do Deza sofre desde hai demasiado tempo dúas auténticas pragas animais. A dos xabaríns, que se ensañan coa propiedade privada, e a dos suavemente chamados gamberros, que se deleitan fin de semana a fin de semana destrozando o que é de todos. Se ao xabarín se lle presupón unha absoluta falta de racionalidade, que non de mala leche, o gamberro conta cunha cabeciña que, polo que se ve, non lle debe funcionar demasiado ben. Porque quen no seu sano xuízo se poría arrincar un sábado noite 72 metros de valla, tres árbores e unha papeleira do paseo do Pontiñas. Hai que ser sen dúbida un animal para facer algo así. É máis, un completo burro, porque se a motivación dos garrulos de turno foi a pura diversión, vaia esmero puxeron. ¡Nin que lles pagaran por metro de valla desfeito! Sen dúbida, o do Pontiñas foi o culmen da estupidez dunha pandilla de elementos que ou pouco ou nada saben do que é gañarse o sustento e apoquinar ao erario público. Porque de aí veñen os cartos cos que se fan paseos como o machacado. Por iso estaría ben que a policía e os políticos tivesen man dura con estes gañáns. Aos que non somos ricos tampouco nos gusta que nos rouben o noso. O que é de todos.