Luis Fernández, utillero e delegado do Ribadeo FC: «Os xogadores dinme que, se non existira, había que inventarme»
DEPORTES
«Perdería catro partidos en dez anos», asegura un home imprescindible nun dos clubes máis clásicos do fútbol galego e cuxa «gran ilusión» é que fagan un campo de herba sintética na vila
16 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hai tempo que José Luis Fernández Rodríguez (Xudán, A Pontenova, 1969) gañou o título de imprescindible no Ribadeo FC, malia que xamais marcou un gol. «Nunca ao fútbol xoguei. Só algo na escola, e poñíame de porteiro ou defensa», confesa un home que desde o 2015-2016 se entrega á causa como utillero e delegado dun dos clubs máis clásicos de Galicia. «Aínda era presidente Víctor López e xogabamos en Terceira División cando me animaron a entrar na directiva e empecei a facer de delegado. Ao ano seguinte xa entrou Ana Vázquez e durante eses anos fun segundo delegado porque estaba Nicasio Castañal, e xa desde o 2020 con Pedro Posada fun primeiro delegado e seguín cando entrou no 2024-2025 Valentín Coto», explica.
«Perdería catro partidos en máis de dez anos. Por algunha voda ou funeral, pouco máis. Senón, sempre estou aí», apunta un home cuxos vínculos persoais con directivos, adestradores e xogadores o foron convertendo «nun forofo» dun equipo que trata de emerxer desde a Primeira Futgal. «Non tiña ningún vínculo co club nin con este deporte, máis que vir a algún partido solto, ata que entrei na directiva, pero agora se non hai fútbol parece que me falta algo. Sufro moitísimo, pero tamén me sinto moi valorado. O outro día Pablo Castrín dicíame que, se non existira, había que inventarme. Dinmo os xogadores cada pouco», conta.
Lucho, como o chaman cariñosamente, adica moitas horas ao benestar do equipo: «Ata este ano, ademais de ser delegado nos partidos, laváballes a roupa dos adestramentos e leváballes o material, tanto se era aquí na Devesa como en Foz. Agora só o fago nos partidos porque durante a semana se encarga Nicasio. Se imos en bus, ben, senón levo todo no meu coche». En 11 tempadas apenas lle poden botar en cara un par de erros: «Dunha volta esquecín as setas e outra, nun día moi feo de inverno, os chaquetóns. Teño unha listaxe para levar todo controlado».
Pequenos despistes que non supuxeron máis ca bromas no que Luis define «un grupo exemplar»: «No Ribadeo somos unha gran familia, hai moi bo rollo. Iso é o principal, a xente ten educación e saber estar. E despois, o máis bonito son as vitorias».
Case 40 anos en Ribadeo
Empregado municipal, tamén atende do Pepe Barrera durante a semana. «Por mediación do meu traballo no Concello de Ribadeo, tamén me encargo de ir limpar a grada e os arredores, e pinto o campo de fútbol», engade un pontenovés afincado na vila de Ribadeo desde 1989. «Vinme para traballar de camareiro nun bar que se chamaba O Chollo, fronte a Abanca, o que agora é La Galletería», destaca Fernández Rodríguez dun traballo no que pasou 11 anos. «No ano 2000 comecei a entrar no Concello como varredor, facendo substitucións, baixas... No 2001 quedaron dúas prazas vacantes, presenteime a elas, aprobei e aí sigo», detalla dunha ocupación que conserva desde hai máis dun cuarto de século e que compaxina cos seus servizos ao equipo de fútbol da vila. «Come moitas horas na fin de semana e, ademais, aquí lavámoslles nós toda a roupa menos a de paseo, que a traen posta. No campo temos tres lavadoras e tres secadoras, leva o seu tempo», precisa.
«Dá que facer, pero traballo de 7.30 a 14.30, así que me dá tempo polas tardes. É o que fago, atender ó club, ademais dunha horta que teño e tamén me gusta moito», relata.
Con ganas de ascenso
Tras sufrir un descenso desde Terceira no 2016 e outro da Preferente a pasada campaña, Luis quere que por fin o seu traballo altruísta teña o premio de festexar un ascenso coas tropas dirixidas por Dani Moirón: «Imos ter que xogar o play off porque ao Chantada xa non hai quen o colla. Está entre nós, a Residencia e o Monterroso, a ver se logramos quedar polo menos segundos ou terceiros para tratar de volver a Preferente. Para min, é a categoría na que temos que estar, temos xogadores perfectamente para estar aí, pero a sorte estanos axudando moi pouco. Igual que podo dicir que o ano pasado o descenso non foi cousa de sorte, este curso non nos está axudando nada. Estamos facendo moi bos partidos que empatamos ou incluso perdemos. Malia todo, imos intentar volver poñer o Ribadeo FC na Preferente».
Nesa categoría agarda Luis Fernández que pronto se cumpra tamén unha vella pretensión do fútbol na localidade: contar cun campo de herba artificial que desafogue a tremenda carga que soporta o Pepe Barrera cada fin de semana. «A miña gran ilusión é que por fin teñamos un campo de herba sintética en Ribadeo», afirma un delegado e utillero con ganas de seguir gozando do fútbol moitas máis tempadas nun club no que consideran a súa entrega e cariño un dos seus grandes patrimonios.