Sabela Arias, única muller que preside un club de fútbol na Mariña: «No Santiago de Foz só temos tres nenas, pero dá gusto como xogan»
DEPORTES
Exxogadora de baloncesto e formada en actividades físicas e deportivas, cumpre o seu cuarto ano como presidenta da escola de fútbol focense
09 mar 2026 . Actualizado a las 13:26 h.Aínda que semelle anecdótico, o fútbol expresa algúns dos motivos polos que o 8M necesita reivindicar a valía da muller en facetas tradicionalmente reservadas aos homes. Malia ao imparable auxe do balompé entre as nenas, abandeirado pola selección española campioa do mundo, actualmente en toda A Mariña só hai un club desta disciplina presidido por unha muller, a AD Santiago de Foz. E nel Sabela Arias Sante (Foz, 1984) confirma que a paridade está moi lonxe. «Só temos tres nenas entre todos os equipos. Oxalá fosen máis. Pero, iso si, dá gusto como xogan», conta á fronte dunha entidade onde a secretaria tamén ten nome de muller: María Cueva.
«Temos uns 90 xogadores repartidos en seis equipos. Oxalá pronto se vaian animando a vir máis nenas. Ao final, o máis importante é que fagan un deporte, o que sexa, pero o fútbol non se debe vincular só cos homes», analiza desde unha entidade que permite os primeiros goles de crianzas desde os catro aos 11 anos, cando xa dan o salto ás divisións inferiores do CD Foz. «Somos clubs diferentes, pero vinculados. Se nalgún momento precisan xogadores para o infantil, mandámoslles algún alevín, pero este curso aínda non se deu o caso, e cando abandonan as escolas ao cumprir a idade seguen xogando con eles», apunta.
Sabela cumpre a súa cuarta campaña á fronte dunha asociación deportiva a piques de completar tres décadas asentada como un referente no fútbol base da provincia de Lugo. «Xa levaba catro anos moi vinculada ao club, desde que empezou a xogar o meu fillo maior e, ao rematar a súa etapa a directiva, parecía que ninguén o quería coller, así que nos lanzamos para non deixar morrer un club que fai unha labor tan importante na formación dos rapaces e rapazas», destaca dunha decisión tomada en familia, pois a súa parella, Diego Fernández, Carri, exerce de director deportivo.
«Todo queda na casa, temos o teléfono operativo para os pais 24 horas os sete días da semana. Intentamos que a relación sexa o máis fluída posible, pero temos moi bos pícaros, non dan moito que facer», explica dunhas tarefas que compaxinan coas súas obrigas laborais. «Na nosa situación persoal podémolo levar bastante ben, pero aínda así hai que facer malabares. Merece a pena porque vemos que os nenos desfrutan», relata dun cargo de presidenta que lle ocupa moitas horas cada semana.
«Facemos as fichas, creamos os equipos, cadramos cos outros clubs, atendemos aos pais», revela unha muller que practicamente non pasa un só día sen ir ao campo de fútbol de Malates. «Vou aos adestramentos de tódolos equipos. Como mínimo, para o comezo, e trato de estar tamén para cando acaba por se os pais necesitan falar de calquera cousa. E as fins de semana vou a case tódolos partidos. Aos que xogan como locais, non fallo nunca, tamén a algún desprazamento, intento ver outras categorías do CD Foz e, por suposto, tamén os dos meus fillos. Un aínda está xogando con nós no Santiago de Foz e o outro xa está no CD Foz», explica.
Nas divisións máis miúdas da canteira priman a formación sobre a competición, di: «O principal é formar aos nenos. Somos unha escola de fútbol e, como tal, tratamos de inculcarlles valores como o compañeirismo. Que cren vínculos é moi importante. Ao final, Messi hai un, Ronaldo, outro, pero o que lles queda sempre do fútbol son as amizades. Pasan moitas horas xuntos, van facendo piña e, incluso, do fútbol saen as pandillas que van formando co paso dos anos», reflexiona Arias Sante orgullosa do trato «familiar» que caracteriza ao club focego. «Intentamos que sigan vivindo o deporte con intensidade cando xa son máis maiores. Mantemos o contacto con eles e cos pais e encántame ver como van evolucionando, como medran», manifesta sen rivalidades con outras entidades que tamén contribúen a forxar o carácter deportivo entre as crianzas da vila. «Temos unha moi boa relación co CD Foz, gústanos que os rapaces que comezan con nós no Santiago rematen chegando ao primeiro equipo, e co Celtas de baloncesto tamén nos entendemos moi ben», explica.
«Messi hai un, Ronaldo, outro, pero o que lles queda sempre do fútbol son as amizades»
Moi ligada ao deporte
Os vínculos de Sabela Arias co deporte, non obstante, son moi pretéritos á súa chegada á presidencia da AD Santiago de Foz no 2022. «Na miña casa sempre fomos moi afeccionados ao fútbol. O meu home xogou toda a vida, meus fillos case desde que naceron... Eu vinculeime ao club como nai xa catro anos antes de entrar na directiva, ao empezar a xogar o meu fillo con cinco anos, pero xa antes ía tódalas fins de semana ver o fútbol», expresa unha muller que tamén viviu o deporte desde dentro dun vestiario e encamiñou cara esa rama a súa formación académica. «De nena xoguei ao baloncesto e estudei o ciclo superior de actividades físicas e deportivas», apunta.
Agora é a máxima responsable dunha entidade que desde o ano 1997 guiou os primeiros pasos co balón de case 2.000 nenos e nenas de Foz e segue gozando dunha envexable saúde como referencia da canteira. Nunha vila onde o CB Celtas tamén é liderado desde o pasado verán por unha muller, Carmen Alonso, pode presumir de ser a única presidenta en activo entre más dunha vintena de clubs de fútbol e fútbol sala na comarca da Mariña lucense.