Juanma Marrube: «É impresionante o que os xogadores e empregados están loitando polo Reyco Burela FS»

DEPORTES

Marrube, durante a xornada Vista Alegre polo mundo cos xuvenís do Reyco Burela FS.
Marrube, durante a xornada Vista Alegre polo mundo cos xuvenís do Reyco Burela FS. SABELA BLANCO RODRÍGUEZ

Fichou movido polo «sentimento de pertenza» e quere axudar a un plantel «que está facendo un papelón» e agarda apuntalar con fichaxes

30 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras deleitar ao Vista Alegre cos seus goles e liderar desde o banco unha gloriosa etapa, Juan Manuel Marrube Rodríguez, Juanma (Alfoz, 1979), apunta ao seu «sentimento de pertenza» para explicar a súa vontade de axudar cinco anos despois como adestrador a un Reyco Burela FS en estado de emerxencia, pero con futuro por diante, segundo admite. En O Parrulo, Tudelano e Black Pearl United acumulou máis experiencia para volcar neste reto.

—Que predisposición notou nos xogadores e na xente do club?

—Hai un espírito de pertenza por parte de moita xente, de xogadores, empregados do club, colaboradores, Nando, Rocío, Mera, Anselmo... Todo o mundo. Teñen ganas de club, de seguir aguantándoo. Iso é o que máis me agrada, porque ese sentimento de pertenza é o que me fai estar aquí. O club está por enriba de todos, é o que ten que ser importante agora.

—Cesárono co equipo en Primeira e volve case cinco anos despois en Segunda. Como o enfoca?

—Nun contexto máis sinxelo, ao mellor non sería adestrador do Burela, pero nesta situación incómoda, o sentimento de pertencer a isto en moitos anos e moitas etapas chámame a botar unha man. Non podemos compararnos co que había, hai que aceptar a situación e tratar de saír para adiante, que é o que están facendo os xogadores e os empregados. É impresionante o que están loitando polo club. Desde fóra pensaba que «que animais!», por como están loitando por isto, e quérome sumar a eles.

—Que vai aportar?

—Asumir que non podemos compararnos con realidades pasadas, pero que isto ten futuro, é unha realidade que leva aquí moitos anos instaurada e somos un club cunha base sólida, por iso aguantou. Estamos mellor que hai uns meses e o desafío é traballar para estar aínda mellor cando remate a tempada.

—Como valora as saídas de Meira e Marquinho é a fichaxe de Nico?

—É normal que nesta ventá haxa entradas e saídas. O noso obxectivo é compensar esas saídas con dúas fichaxes e que poida chegar alguén máis para potenciar o plantel. Son saídas que xa estaban pactadas independentemente da miña chegada. Eu vou tratar de aproveitar iso para traer xogadores que queiran estar aquí e poidan aportar.

—Tras Nico, chegarán máis xogadores formados no club?

—Sondeamos algunhas posibilidades, pero é complexo que lles deixen saír dos seus clubs. Pero os antecedentes están aí. Eu galeguicei moito o equipo na miña anterior etapa como adestrador. Daquela tiven máis tempo, pero a miña intención é aproveitar o prototipo de xogador do club, da casa.

—E do actual equipo, a quen lle pide que asuma o liderado?

—Ao grupo de xogadores que estiveron o ano pasado en Primeira, que coñecen o club. Son moi novos, pero teñen xa moitas vivencias e teñen tamén que contaxiar ao resto. As incorporacións que veñan de fóra van traer aire fresco, outra mentalidade. Vamos intentar dar un impulso entre os que están e queren estar e os que veñen de fóra porque tamén queren estar. Queremos xogadores como Charly, Pitero ou Alberto, ou como Izan e Alán, que o están dando todo, non tiñan experiencia na categoría e están facendo un papelón.

—Coa lesión de Jason, se non chegan fichaxes pronto, viaxarán a Móstoles cun equipo moi curto.

—Jason é outro xogador que, aínda que acaba de chegar, é importantísimo para nós polo seu desequilibrio, pero está lesionado e ten a opción de ir á Copa América. A ventá de xaneiro abre o día 2 e trataremos de movernos o mellor posible, pero todo depende de papeleos. Se chegan para o primeiro partido, ben, senón traballaremos con ilo. Teremos que adaptarnos.

—E no xogo, canto vai cambiar o equipo?

—Será difícil porque non temos unha pretempada, pero tódolos cambios que vaia aplicar quero consensualos cos xogadores. Quero ter moi claro ata onde podemos chegar. Dun día para outro e cos efectivos que temos agora mesmo, non se poden esperar grandes cambios. Vai ser un proceso evolutivo.

—Teñen cinco puntos de vantaxe co descenso, que obxectivo deportivo propón?

—Non é cuestión de mirar cara abaixo nin cara arriba, senón mirar a realidade. Hai que educar ao entorno, asumir a realidade e asumir o plantel que somos. Creo que están facendo un papelón enorme, confío en que poidamos apuntalar o equipo con novas pezas e a partir de aí iremos pasiño a pasiño. Quedan dous partidos para acabar a primeira volta e non hai que mirar máis alá de comezar a adestrar o día 2 e enfrontarnos ao Móstoles o 10.

—Que significa para vostede que o patrocinador principal do club sexa a empresa da que seu irmán é o CEO.

—A súa empresa tomou a decisión de axudar antes de que eu viñese aquí, non ten nada que ver coa miña fichaxe. Neste contexto de tratar de axudar, é bonito a nivel familiar, é un plus engadido que a empresa na que traballa decidise axudar.