«O espectáculo está asegurado»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN ALFOZ / LA VOZ

DEPORTES

21 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

No circuito de Carballido, en Alfoz, celébrase mañá por segundo ano consecutivo unha proba do Campionato Galego de Supercrós. Será a segunda do calendario logo da disputada sobre a terra de Brins (Ames). Dos preparativos ocúpanse dende hai días os dirixentes do Montoclube Enduoro, fundado no 2006 e presidido por Héctor Ares dende o 2009.

-¿Xa teñen todo a punto?

-Case todo, só nos quedan por arranxar uns pequenos detalles no circuito. Pagará a pena vir a Alfoz, o espectáculo está asegurado. Vaise ver uha proba moi entretida e vistosa.

-Volven a Carballido os mellores e non faltarán os habituais representantes mariñanos.

-Estarán todos os favoritos, grandes especialistas como Sergio Fernández, que foi campión de España, Rubén Fernández ou o veterán Fernández Puga. Os nosos representantes serán Juan María Nécega (Foz) e Antón Fernández (O Valadouro), que ven de proclamarse subcampión de España de cross-contry, que é unha mestura de enduro e motocrós na que se mide a resistencia. Tamén competirán, pero por libre, o ribadense Julio López e Santi Cancio, que é do Occidente asturiano.

-Xa é definitivo o programa da proba.

-Asi é. O sábado ás 10 da mañá terán lugar as verificacións administrativas e técnicas, ás 12.15 comezarán os adestramentos libres e ás 13.30, os cronometrados. O mellor, que son as carreiras, empezará ás 16.15 horas. Esperamos a uns 38 pilotos de todas as categorías.

-¿Que diferencia o supercrós do motocrós?

-No motocrós as distancias e os saltos son máis longos e prevalece a velocidade, mentres que no supercrós prima máis a técnica e a habilidade dos pilotos. As motos que se utilizan son moi similares.

-¿Medrou a afección dende a construción do circuito de Carballido?

-Si medrou, agora xa superamos os 100 socios, e tamén tivo moito que ver a proba do campionato galego que organizamos o ano pasado. Moitos pilotos dos que viñeron afiliáronse ó noso club para poder adestrarse en Carballido. En Galicia só hai un circuito máis destas carecterísticas e está na provincia de Pontevedra.