«Tentarei sacar o máximo rendemento da chamada»

Montse García Iglesias
montse garcía LALÍN / LA VOZ

DEPORTES

Estará dende mañá coa selección para xogar dous encontros

08 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O xogador lalinense que agora milita no Blusens Universidade de Vigo, Alejandro Blanco, Monti, participará do 14 ao 17 de novembro en dous partidos contra Zimbabue e Namibia coa selección española. «É a terceira vez que vou a xogar, aínda que fun a varias concentracións», indicou o xogador.

-¿Hai diferenzas desta chamada as anteriores?

-É un equipo novo, cun seleccionador novo. Por iso sempre é relevante, a parte, non estaba ao 100%, pero unhas baixas de última hora fixeron que o adestrador contase comigo. Intentarei sacar o máximo rendemento e o máximo da oportunidade que se me dou. É unha viaxe longa e fronte a vellos coñecidos.

-Entón, xa non esperaba esta chamada...

-A verdade é que non. Sabía que o adestrador, Brais, me tiña aí na recámara, pero non contaba que fose desta.

-Tivo, entón, un comezo de temporada difícil co Blusens Vigo?

-Fíxoseme difícil a min, non só polo equipo en si, senón porque me perdín os primeiros partidos da tempada. Tamén houbo derrotas e iso desanimoume un pouco. Entrei un pouco presionado nos terreos de xogo ao comezo, pero agora estou collendo o meu nivel e pouco a pouco mellorando tanto individual como colectivamente.

-E agora coa selección, os Test Matchs tamén son unha cita importante para buscar sitio para participar no Europeo...

-Si, ademais este ano é clasificatorio para o Mundial. Entón, é moi importante. Depende de como o faga e me desenvolva nesta convocatoria poderei ter máis oportunidades ou, se cadra, é a derradeira, non se sabe.

-Pero, ¿intentará que non sexa a última?

-Si, con gañas vou. Estou recibindo moitísimo apoio de parte de coñecidos, do equipo, de infinidade de xente e estou moi agradecido por estes ánimos para que vaia coas pilas cargadas, que vaia a tope.

-A convocatoria iniciase esta semana...

-Si, empezamos a adestrar o venres pola tarde e o sábado pola mañá, e despois, xa viaxe para Namibia para participar nos dous encontros.

-Estivo en Alcobendas, e antes en Lalín, ¿segue mantendo os contactos cos compañeiros «abellóns»?

-Si, por suposto. O rugbi é un deporte que se presta moito a facer unha amizade lonxeva. Sempre se di que o rugbi non soamente é un deporte. Realmente é así. A xente que o vive, que o desfruta, é imposible que diga o contrario. É un deporte colectivo ao cen por cen. Non podes facer nada ti só. É dos quince que están no campo, máis os que están fóra. É moi colectivo e sempre se crea un vínculo moi especial cos compañeiros, ademais de ensinarche uns valores. É imposible negar a miña amizade e deixalos ao olvido.

-¿Seguen xogando moitos no Coreti de cando estivo?

-Cada vez son menos os compañeiros cos que xoguei que seguen en activo. Marcheime fai tres anos e renovouse moito o plantel. Pero sigo en contacto, sigo ao equipo «abellón» e os militantes.

-Os xogadores de rugbi lalinenses xa demostraron que se pode chegar ao máis alto. Rocío Eiras e vostede foron convocados coa selección española...

-Si. O rugbi, como calquera deporte, despois esixe un compromiso. Chegas o luns ao traballo dorido e, ás veces, tés que repousar. Non todo o mundo pode desfrutar de ser semiprofesional ou de acadar o máximo nivel. Pero si que hai canteira e xente que pode chegar, depende das condicións... Non é sinxelo.

Alejandro Blanco, «Monti» xogador lalinense de rugbi