«Emigrantas: emerxer do silencio», a exposición que da voz na Coruña ás galegas na diáspora
CULTURA
Promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) a mostra, inaugurada este mércores e dispoñible ata o 5 de maio, ofrece un percorrido polas historias silenciadas nos relatos oficiais da emigración
11 mar 2026 . Actualizado a las 21:05 h.Pór nome ás mulleres na diáspora. Esa é a premisa da que parte a exposición Emigrantas: emerxer do silencio, inaugurada onte no Kiosco Alfonso de A Coruña e dispoñible ata o 5 de maio. A mostra, promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), o Concello da Coruña e a Xunta, non segue un percorrido xeográfico nin temporal, xa que, como apuntaron as súas comisarias Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira, «a emigración continúa». Xunto a elas comisaria a exposición María Alonso, que indicou que decidiron afastarse dese esquema «e amosar unha visión da emigración centrada na figura e no papel transxeográfico e transtemporal da muller galega».
A retrospectiva é o resultado dun traballo que comezou hai tres anos a raíz dos diferentes estudos do Arquivo da Emigración Galega. Durante a busca, as comisarias localizaron «moitas voces e historias con enorme forza». O percorrido comeza con maletas de diferentes épocas no apartado Saírmos, o primeiro dos seis en que se divide o relato da mostra. Todos toman o seu nome de verbos de acción vinculados co feito migratorio. «Sempre se cuestionou que as mulleres participaban na emigración, pensase que marchaban os homes e que elas quedaban na casa, pero non é así», apuntou Antía Pérez, que subliñou que ademais estas se enfrontaron a normativas que lles prohibían saír, pero tamén con outras que, paradóxicamente, fomentaban a súa marcha. Neste apartado destaca a historia de Cruz Martínez Risco, filla de Vicente Risco. Un lenzo branco invita ao público a imaxinar a proxección de Por que marchamos?, peza documental desaparecida realizada pola cineasta na diáspora.
O percorrido continúa con Emancipármonos. «Mostra tanto as novas posibilidades que se abrían ao cruzar fronteiras como as situacións de violencia, explotación ou abuso que tamén acompañaron as diferentes vagas migratorias», indicou Pérez. A continuación, Traballarmos, que afonda nos oficios desempeñados polas mulleres no exterior. Para ilustralos, varios documentais de Carlos Asorey e unha peza gravada entre 2013 e 2015 por Lucía Latorre, bióloga emigrada nas Seychelles. Así mesmo, están presentes algunhas das pezas de xoiería en porcelana de Mimina, Carmen Arias de Castro, «a muller de Isaac Díaz Pardo, que tivo un papel destacado no precedente de Sargadelos».
Un dos eixos centrais de Emigrantas ten que ver co relato da emigración. «Partiamos dun material documental na súa maioría realizado por homes, polo que había un baleiro que abriu a reflexión de que pasa cando somos nós as que nos representamos a nós mesmas», sinalou Keina Espiñeira sobre o bloque Recoñecérmonos. Nel destaca un vídeo de Margarita Vázquez-Ponte, coas receitas que realizaba no país británico e que despois trasladou a Vila de Cruces.
A dimensión política das emigrantes queda patente en Loitarmos, con varios paneis que recuperan campañas como a do Comité de Damas, que conseguiu levantar o sanatorio Galicia de Montevideo, ou a de Hijas de Galicia, que abriron un centro sanitario en La Habana, ou a loita das nais e avoas na Praza de Maio na procura de desaparecidos durante a ditadura arxentina ou o sufraxismo de Andrea López Chao.
Para poñer o broche de ouro, Compartirmos, dedicado ao ocio e aos lazos comunitarios creados nas colectividades emigrantes. Nel ten un protagonismo especial a cantante Ana Kiro. «Desempeñou un papel importante na reivindicación da lingua galega e que nas súas cancións cuestionou as imaxes estereotipadas da emigrante», sinalan as comisarias.
O acto de inauguración contou coa presenza de Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; e Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o emprego.
Actividades paralelas
De maneira paralela, e coincidindo coa apertura da exposición, a Filmoteca de Galicia programa unha sección específica dentro do ciclo Olladas de muller, dedicado a películas que abordan a emigración desde perspectivas femininas. Nelas rómpese coa imaxe estereotipada da muller emigrante: sacrificio, espera, subalternidade. «Aquí a muller é autora, é mirada e voz, e transforma a maneira de contar historias», explican as comisarias do ciclo, Beli Martínez e Keina Espiñeira.