O Consello da Cultura publica unha obra inédita de Martín Sarmiento

M. G. I.

CULTURA

Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Rafael Loureiro, na presentación dos traballos de frei Martín Sarmiento
Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Rafael Loureiro, na presentación dos traballos de frei Martín Sarmiento .

A este traballo úneselle a divulgación dos títulos que conformaban a biblioteca do frade

10 mar 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

Un dos escritos «máis sistemáticos, máis coidados e mellor rematados» dos que saíron da «prolífica pluma» de frei Martín Sarmiento (1665-1772) ve a luz da man do Consello da Cultura Galega (CCG). Trátase de Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego seixebra, «o tratado máis extenso que o autor redactou sobre un aspecto concreto da historia natural», detallou o editor da publicación e coordinador do Proxecto Sarmiento, Henrique Monteagudo. O traballo —que permanecía inédito— dáse a coñecer con motivo do 331.° aniversario do nacemento do frade, día en que se conmemora o Día do Naturalismo Galego. Esta obra tamén cobra relevancia desde o punto de vista lingüístico polas indagacións que fai en torno á etimoloxía das distintas denominacións da planta.

A esta publicación sobre a seixebra que se fixo a partir dunha copia que se conserva na colección Medina Sidonia posto que o texto orixinal se perdeu, o Consello da Cultura Galega únelle a edición dixital do Catálogo da biblioteca Martín Sarmiento, realizada neste caso a partir do manuscrito autógrafo do propio frei Martín Sarmiento. «A súa biblioteca contaba cuns 7.500 volumes cando morreu, pero no catálogo están en torno a 5.500. Trátase dunha das bibliotecas privadas máis importantes do século XVIII en Europa», lembrou Monteagudo, comparándoa cos 1.700 exemplares que tiña a de Jovellanos ou os 1.600 de Adam Smith. «O catálogo, ademais de dar idea da excelencia da súa biblioteca, será útil para todos os investigadores sobre a súa figura», afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, resaltando o proceso laborioso acometido tanto para a publicación do traballo sobre a seixebra como para o propio catálogo. Da transcrición deste último encargouse Rafael Loureiro, quen afirmou que gozara de xeito extraordinario da tarefa polas anotacións que moitas veces incluía Martín Sarmiento sobre os exemplares en ocasións únicos. O propio frade recollera no seu catálogo 60 seccións, que ían desde biblias ata á astroloxía ou medicina. Entre os 5.500 libros, había doce de mulleres. «Foi o gran ideador do século XVIII», dixo Loureiro.

Na publicación destes dous traballos tamén foi de gran importancia a colaboración de Xosé Antón López Silva. Ademais, no caso do libro de botánica, tamén achega unh estudo a científica Mari Álvarez Lires.