Rosa Moledo, Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Un retrato de Rosa Moledo
Un retrato de Rosa Moledo Beatriz del Monte

Asesora lingüística e tradutora, a súa traxectoria de máis de 30 anos está marcada por unha achega fundamental á calidade das producións de cine, televisión, teatro e plataformas audiovisuais

26 feb 2026 . Actualizado a las 13:37 h.

A asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo é a profesional que este ano recibirá o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual, que deste xeito recoñece unha traxectoria profesional de máis de trinta anos vencellada ao audiovisual galego, caracterizada polo rigor lingüístico, o compromiso coa lingua e unha achega fundamental á calidade das producións de cine, televisión e plataformas audiovisuais. A Academia salientou o «labor constante, rigoroso e profundamente comprometido» de Rosa Moledo, que co seu traballo contribuíu de maneira decisiva á dignificación do galego e á súa presenza nos ámbitos cultural e audiovisual. «A súa ampla experiencia en cine, televisión e teatro exemplifica un compromiso firme coa lingua e coa cultura do país, que constitúe un legado imprescindible para as xeracións presentes e futuras», explican dende a Academia.

O anuncio realizouse este xoves na Cidade da Cultura, nun acto que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual; e Carmen Méndez, vicepresidenta da Academia. O Premio de Honra Fernando Rey, que distingue a traxectoria de profesionais cunha especial relevancia para o sector audiovisual galego, seralle entregado a Moledo na gala dos Premios Mestre Mateo que terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo.

Rosa Moledo é especialista en tradución audiovisual e asesoramento lingüístico. Ao longo da súa carreira participou na tradución e adaptación lingüística de numerosas obras audiovisuais para cinema, televisión e plataformas, entre as que se atopan títulos como A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, O lapis do carpinteiro, Cela 211, Engurras, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin ou Beauty, entre moitos outros.

Desenvolveu tamén un amplo labor como asesora e supervisora lingüística en sesións de dobraxe e en rodaxes de ficción e programas de entretemento, participando en proxectos como Mareas Vivas, 4º sen ascensor, A familia Pita, Fariña, O caso Asunta, Rondallas ou Con perdón. Desde o ano 2017 é asesora lingüística do Centro Dramático Galego, onde tamén coordina e revisa os textos das producións para a súa publicación.

Lucia Veiga, Jacobo Sutil e Carmen Méndez no anuncio do Premio de Honra
Lucia Veiga, Jacobo Sutil e Carmen Méndez no anuncio do Premio de Honra Javi G. Sobrado

No ámbito das artes escénicas, realizou labores de asesoramento lingüístico e revisión de textos en montaxes como Poeta en Nova York de Teatro Baixo da Area, Os nenos da varíola de Pérez & Fernández e As que limpan de A Panadería, da que tamén realizou a tradución ao castelán. Así mesmo, impartiu diversos talleres e obradoiros relacionados coa lingua e a interpretación, como A palabra en acción —xunto a Vicente Fuentes— ou As cancelas do falar, organizados polo Centro Dramático Galego, así como un obradoiro de competencia lingüística promovido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.