A ponte entre a música galega e latinoamericana de Belém Tajes gaña o Premio Narf
CULTURA
«Aprendín a amar e mesturar as dúas raíces» di esta neta de emigrantes, que ademais tivo hai anos a oportunidade de comentar as súas letras co propio Narf
02 nov 2025 . Actualizado a las 21:11 h.Belém Tajes é a vencedora do Premio Narf, que este domingo celebrou en Santiago a súa gala final. O xurado desta edición, presidido por Natividad González Rodríguez e composto por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz, Tomi Legido e Manuel Muñiz como secretaria, salientou da proposta desta cantante e compositora o risco á hora de facer ponte entre a música galega e latinoamericana, ademais dos arranxos, unha aposta singular e con personalidade.
«Nacín en Bos Aires e son neta da emigración. Para min era básica a idea de mestura estes dous mundos» explicaba a artista logo de coñecerse a decisión do xurado. Criada no tradicional, ten recoñecido e asumido as súas raíces emigrantes. «Aprendín a amar e mesturar as dúas raíces. Todo saíu moi natural, a verdade».
Belém Tajes foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. Hai un ano publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica.
Ademais, a artista coñeceu persoalmente a Narf, que se lle achegou nun concerto para falar das súas letras. «Lémbroo con moitísimo amor por tes sacado eses minutos. Este premio é un xeito de honralo», explicaba Tajes,
Na final participaron tamén Marián, que está a piques de publicar o seu álbum debut, no que conta coa colaboración de Guadi Galego. Seleccionada na última edición da da aceleradora #SonEmerxente promovida por Agadic, o xurado destacou dela «a súa calidade vocal, así como os arranxos e a produción».
A terceira proposta que chegou á gran final do Premio Narf foi a de Vimbio. Liderados por Álex Arnoso (antes SonDaRúa), a nova banda conxuga o rap coa esencia do metal da década dos 90 e dos anos 2000. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Deles o xurado destacou «o envoltorio de épocas diferentes de poética galega nunha banda de guitarras, máis contundente».
O Premio Narf ten como obxectivo non só divulgar a figura deste músico, falecido no 2016 e que deixou unha fonda impronta no panorama musical galego, senón dar visibilidade a novas propostas que agroman na cultura galega. En anteriores edicións foron recoñecidos proxectos xa con percorrido, como Caravela (2024), Caldo (2020), Su Garrido Pombo (2018) e Familia Caamagno (2013).