Galaxia aposta pola literatura galega abríndose ao mundo do audiolibro infantil

CULTURA

O proxecto da editorial arrinca con tres historias, escritas por Paula Carballeira, Carlos Labraña e Paula Señarís
09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O auditorio da ONCE en Vigo acolleu este xoves a presentación dunha iniciativa inédita no sector editorial galego, que neste caso se transforma en auditorial, nunha proposta que amosa como se pode vivir o libro tamén a través da escoita. Así, Galaxia dá un paso máis na súa aposta pola literatura galega abríndose ao mundo das letras faladas a través dos audiolibros infantís. Con esta nova colección, os pequenos poderán gozar de historias escoitando voces que farán voar a súa imaxinación pola vía da transmisión oral, como cando os contos viaxaban a través dos séculos.
As primeiras obras escollidas para inaugurar esta iniciativa —á venda a través de Google Play— son Daniel no peirao, de Paula Carballeira, ilustrado por Eli Ríos; Ícaras, de Carlos Labraña, ilustrado por Mara Méndez; e Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero.
Teresa Santamaría, directora do proxecto e actriz de dobraxe, puxo en valor o proxecto da editorial Galaxia, «necesario para salvagardar o noso patrimonio cultural e inmaterial», destacando tamén «a gran calidade das obras literarias» elixidas. A intérprete salientou os valores do colectivo profesional ao que pertence e co que traballou: «Un grupo de dobradores que teñen máis de corenta anos de experiencia e que forman parte da xeración que viu nacer o Xabarín Club».
As gravacións, que foron dirixidas por Santamaría, contan cun elenco de voces que dá vida, emoción e personalidade a cada personaxe. A través de interpretacións corais, moi coidadas, respéctase o ton e a alma de cada obra. Ana Lemos, Isabel Vallejo, Ana Maciñeiras, Cristal Álvarez, Teresa Santamaría e Julio Lorenzo, en Daniel no peirao, que é a primeira obra de teatro sobre o intelectual rianxeiro de cuxa morte se cumpren 75 anos.
Montse Dávila, Teresa Santamaría e Isabel Vallejo son as voces en Ícaras, que conta a historia de Lía, unha nena que garda un segredo: a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar.
En canto a Hermilindo esbirra poemas, publicada na colección Árbore de Galaxia, está ambientada nun mundo mecánico onde está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar que esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Julio Lorenzo, Ana Maciñeiras, Bea García e Teresa Santamaría son os actores que lle dan vida.
José Ángel Abraldes, director de recursos educativos da ONCE, destacou a importancia da iniciativa dos audiolibros para público infantil impulsada por Galaxia, e sinalou que, para o colectivo das persoas cegas, ter máis opcións deste tipo é un dos indicadores de que «se están dando máis opcións para a diversidade», engadiu, facendo referencia a Daniel, un dos protagonistas dunha das obras, do que tomou unha frase aplicable á súa situación vital: «Nós tamén queremos ver a realidade dun xeito diferente», dixo. Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia, puxo en valor a practicidade dos audiolibros «pola súa teatralidade e a súa capacidade expresiva».