«Canis lupus»

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Foxo do lobo en Viana do Bolo.
Foxo do lobo en Viana do Bolo.

palabra lobo procede do termo latino lupus. Nun dos seus significados defíneo como un animal mamífero, carniceiro, semellante a un can de gran tamaño cunha cor de pelo pardo agrisado, cabeza aguzada, orellas curtas, ergueitas e con rabo longo e peludo. O canis lupus ou lobo é un animal milenario que antigamente habitaba na práctica totalidade do hemisferio norte quedando reducido o seu espazo na actualidade a unhas áreas moi minguadas nas que habitan as diferentes subespecies. Animal mitolóxico e totémico está presente en diferentes culturas do planeta representando poder, forza, nobreza, espiritualidade e ata curación. Dende a lenda histórica da antiga Roma cuxos fundadores Rómulo e Remo foron aleitados por unha loba, ao mitolóxico e monstruoso lobo Fenrir das culturas nórdicas ou dende os lobos sagrados e curandeiros das culturas indíxenas americanas ata os temibles e familiares lobishomes galaicos, a presenza do lobo é constante nas súas diferentes acepcións. En Galicia o lobo está moi presente pero tamén moi estigmatizado. Infunde medo, e os ataques que provoca ocasionalmente sobre o gando, fai que en determinados ámbitos estea considerado como un animal daniño. Mais por outra banda actúa como un gran regulador ecolóxico, xa que é predador de especies que na actualidade se están a converter nun problema invasor por falta dese equilibrio natural provocado, en parte, pola mingua de individuos desta clase. Na miña casa sempre sentín falar de lobos, e practicamente sempre con connotacións negativas, agás cando se falaba da súa intelixencia e astucia. Escoite contos arrepiantes sobre lobos e historias reais que lle sucederon aos meus avós, a familiares e a xentes de preto. Souben da historia do considerado lobishome que vivía nunha aldea non moi de lonxe á nosa e tamén do significado do chamado popularmente aire do lobo. A innumerable toponimia referida a este mítico animal é un reflexo da súa fonda pegada na cultura popular: Lobeira, Lobelle, Lobás, Fonte do lobo ou Foxo do lobo son algunhas dos innumerables testemuñas da súa presenza milenaria na nosa terra. Moitas son as locucións, cantigas, adiviñas e refráns na cultura popular galega referidos a este impoñente animal, mais eu para este texto quédome co que di en terra de lobos ouvear coma todos, moi doado de entender nestes tempos.